“neste lugar / hai unha certa violencia na forma de articular a palabra / verdade”, escribe a autora nesta sorprendente estrea literaria. Simún non só lle serve para indagar na poesía desde distintos ángulos, senón que lle permiten facer un exercicio de coherencia entre a oralidade da súa orixe e as posibilidades da escrita. Poucas veces se dá un debut tan excepcional. Os seus versos, construídos co mesmo vento abrasador que lle dá título ao libro, móvense entre o imprevisible e o cataclismo, entre o atrevemento e a loita cotra unha mesma como índice de xenialidade.
Os seus versos, construídos co mesmo vento abrasador que lle dá título ao libro, móvense entre o imprevisible e o cataclismo, entre o atrevemento e a loita cotra unha mesma como índice de xenialidade.
O libro, articulado nas seccións Boto en falta ir de rave, Da cinsa e do incendio ou Declaro deserto, ten unha das súas vertentes máis enérxicas no feito de que non só inclúa composicións estritamente pensadas desde a forma literaria, senón que integra alguns dos poemas orais máis célebres da autora, auténticas xoias hoxe en día da poesía oral galega.
Nuria Vilán Prado, máis coñecida nos circuítos da poesía oral galega baixo o seu alcume de Nuria Vil, dá o salto ao formato libro con Simún, o seu primeiro poemario.
Dentro das mulleres que nos últimos anos se foron construíndo unha traxectoria no difícil ámbito da oralidade, sen dúbida Nuria Vilán Prado é unha das figuras máis admiradas. Pero tamén unha das máis imprevisibles, cunha personalidade que sobarda os escenarios coa forza da súa presenza, fráxil e ao mesmo tempo magnética. Enfundada co alcume de Nuria Vil (un auténtico nome de guerra), Vilán Prado desenvolveu centos de recitais, accións, performances e torneos de slam. A súa proposta nunca deixou indiferente a ninguén e a súa poesía, agora que aparece en soporte de papel, tampouco o fará.
Nuria Vilán Prado (Santo André de Comesaña, Vigo, 1993) forma parte do proxecto de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro canda Vanessa Glemsel. Traballa como creadora de contidos na canle Coidado coa cadela e xestiona tamén un perfil na plataforma de mecenado Patreon. Colaborou en proxectos de carácter multidisciplinar, entre eles o espectáculo Por Xela!, realizado polo grupo A Banda da Loba en homenaxe a Xela Arias. Mantén unha colaboración coa marca de roupa ourensá Salsa Gaucha, que traballa pezas textiles a partir de poemas e versos. Formouse en estudos relacionados con lingua e a literatura nas universidades de Vigo e Santiago de Compostela. É integrante da plataforma literaria A Sega. Simún é o seu primeiro libro.
____
Editorial: Chan da Pólvora 2021Idioma: Galego