Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

POBREZA DE ESPIRITO

€19,00
ISBN 9788412874150

Foron anos dun proceso “lento e envelenado” que deu como resultado Pobreza de Espírito, o libro publicado por Chan da Pólvora co que Emma Couceiro regresa á poesía tras unha década de silencio. Neste regreso, a autora non só foi depurando e interiorizando o ritmo dos seus versos, senón que tamén nos propón unha reflexión sobre certos valores de ampla aceptación social que nos permiten converternos “nunha persoa de proveito”, como o éxito ou o fracaso. Deste xeito, a lectura de Pobreza de espírito conxuga a madurez formal de Emma Couceiro coa súa capacidade de indagación, sutil na aserción, inclemente no seu fondo corrosivo.

Éxito ou fracaso. Meritocracia. Conceptos como estes cruzan Pobreza de espírito de Emma Couceiro nunha transversalidade reveladora e implacable, que a poeta utiliza para tracexar unha especie de glosario, nun vocabulario técnico ou especializado na disciplina de “ser unha persoa de proveito”. O libro, traballado durante os últimos anos nun proceso “lento e envelenado”, rompe o silencio dunha das poetas máis admiradas da literatura galega. A poesía, nun momento determinado, chegou a facela sentir verdadeiramente baleira, coma se se lle roubase algo. En parte porque elixiu cuestionarse a si mesma constantemente, e en parte por todo o que non ten que ver con ela e, porén, a acompaña. Pobreza de espírito traballa, precisamente, esa relación tóxica.

Emma Couceiro

En 1996, Emma Couceiro (Cospeito, 1977) gaña o V Premio Espiral Maior co seu primeiro libro Humidosas (1997) e convértese nunha figura clave no panorama finisecular da poesía galega. Logo, virán As entrañas horas (1998), que lle vale o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, e xa no 2003 (Cito). A súa obra está recollida nas antoloxías Mulher a facer vento (Lisboa, 1998), Río de Son e vento (1999), dEfecto 2000 (1999), A tribo das baleas (2001), 25 Anos de poesía galega 1975-2000 III (2002), Mujeres de carne y verso (Madrid, 2002), Galeusca. Antoloxía poética (1990-2003) (Iruña, 2004), Das Sonorosas Cordas (15 poetas desde Galicia) (Madrid, 2005), Veinte puntos de fuga. Poesía gallega contemporánea (Caracas, 2011) ou Alquimia de la tierra. Antología heterogénea de poesía, prosa poética y microrrelato (Huelva, 2013), así como nos libros colectivos Novas voces da poesía galega. Recital (2000), O trazo aberto. Poesías e debuxos (2002), O libro dos abanos (2002), Palabra de autor, Palabra de autora (2005), Os gozos e as Sombras (2005), Poética da Casa (2006), Donas do segredo (2011) ou XXV Aniversario do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 1988-2012 (2012), entre outros.  Os seus versos foron adaptados musicalmente nos álbums Alfaias (2009) de Fanny Alexander e Aprendendo a Ladrar (2015) de Xardín desordenado.

____

Editorial: Chan da Polvora 12-2024 
Idioma: Galego
NARRATIVA