Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

O ESTOICO

€14,00
ISBN 9788412259391

Sylvanus Heythorp, cuxas empresas se atopan na bancarrota, pasa os derradeiros días da súa axitada vida centrado en asegurarlles un futuro á súa nora, Rosamund, e aos seus netos, Phyllis e Jock, malia seren os descendentes dun seu fillo ilexítimo froito dun amor de xuventude. A pesar dos modos brutáns e da expresión seca do vello, hai nel, no fondo, unha certa dignidade e nobreza de espírito, valores dos que outros personaxes presentes no texto carecen; velaí, por exemplo, o caso do avogado Charles Ventnor, capaz de case todo.

A presente obra publicouse orixinalmente en 1918 como unha das cinco partes integrantes da compilación Five Tales, e dous anos máis tarde en volume exento. Cun gran dominio da técnica e cunha linguaxe desprovista de artificios, John Galsworthy logra compendiar nesta novela curta gran parte dos temas que trataría por extenso en The Forsyte Saga e que, no fin de contas, lle darían fama e prestixio: unha visión crítica respecto da burguesía, un fondo interese polas ambicións persoais e o compromiso e, en materia de xustiza, a constatación dunha dobre vara de medir en función da clase social.

John Galsworthy

John Galsworthy naceu en Kingston (daquela no condado de Surrey) en 1867, no seo dunha familia próspera. Licenciouse en Dereito en Oxford, pero a súa falta de interese pola xurisprudencia levouno a non exercer; no seu lugar, realizou numerosas viaxes ao estranxeiro co pretexto de mirar polos negocios navais dos seus e puido dedicarse por enteiro á literatura.

O que chegou a ser un dos escritores máis populares do primeiro terzo do século XX comezou a súa carreira como narrador en 1897, coa publicación da compilación de relatos From the Four Winds, asinada como John Sinjohn, pseudónimo que mantivo durante algúns anos. No ámbito da ficción, non empregaría o seu nome real até 1904, coincidindo coa publicación da sátira The Island Pharisees. Nesta obra, coma en moitas outras, os personaxes son membros da alta burguesía británica. Non obstante, as pezas que o fixeron merecedor do Premio Nobel de Literatura en 1932 foron, sobre todo, as que compoñen a novela río coñecida como The Forsyte Saga, onde se contan as vivencias dunha familia inglesa así apelidada. O serial, un dos máis célebres da literatura inglesa, abre con The Man of Property (1906) e pecha con To Let (1921), se ben cabe sumarlle algunhas secuelas publicadas ao longo da década de 1920. Antes do Nobel, rexeitara o título de sir tras a Primeira Guerra Mundial, pero aceptara en cambio tanto a Orde ao Mérito coma diversos títulos honoríficos de universidades como Cambridge ou Oxford. Ocupou así mesmo a presidencia do PEN International.

Vítima dun tumor cerebral, morreu na súa casa de Londres en 1933, aos sesenta e cinco anos de
idade.

 

____

Editorial: Hugin e Munin
Idioma: Galego