Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

MEMORIAS DUNHA TERRA

€20,60
ISBN 9788411765602

Memorias dunha terra (1973) é unha colección de relatos que recollen as lembranzas dun escritor xa maduro, que, desde a altura dos anos, evoca con melancolía, pero sen amargura, o tempo feliz da nenez e a primeira mocidade.
Escritos cunha prosa brillante e de gran plasticidade, elaborados con vellas vivencias que a literatura transforma nunha arte sinxela e gozosa, amable e tranquila, como o remanso apetecido despois de moitos anos de voltas e reviravoltas, estes relatos recollen situacións e personaxes da mocidade do autor na comarca da Ulla.

José María Castroviejo

O escritor José María Castroviejo Blanco-Cicerón naceu o 4 de marzo de 1909 no número 3 da compostelá rúa da Senra. Foi o primeiro fillo —e o único varón— dos catro que tiveron M.ª Concepción Blanco-Cicerón García e Amando Ricardo Castroviejo Nobajas, rioxano de nacemento. O seu pai, catedrático na Facultade de Dereito, foi un home publicamente comprometido co catolicismo social e a defensa das ideas agraristas.

Creceu o pequeno nun ambiente culto. Pasou longas estancias na casa dos avós, en Paizás, Vedra (A Coruña), onde coñeceu a vida rural e escoitou lendas e relatos tradicionais. No Val do Ulla iniciouse, da man do seu pai, na caza e na pesca, dúas afeccións que non abandonaría nunca. A vivencia da natureza arraiga con forza nel e, andando o tempo, converterase nun afervoado defensor da terra, da flora e da fauna. Tense visto nel a un pioneiro da ecoloxía e non sen razón; o seu compromiso pola defensa da natureza foi unha constante fundamental na súa vida. Destaca a súa loita en rexeitamento ao establecemento dunha planta de celulosa en Pontecesures na década de 1950 e o enorme interese polos Ancares galegos. A pegada da súa obra ambiental, recompilada a través das súas intervencións en medios e artigos xornalísticos, mereceu un libro de Marta Lemos Jorge, Unha paixón herdada, nunha fermosa edición da Xunta de Galicia (2007), dedicado ao tema. A súa amizade co profesor Luís Iglesias, catedrático de Ciencias Biolóxicas e fundador do Museo de Ciencias Naturais da Universidade de Santiago, traduciuse na entusiasta colaboración coa institución, á que achegou un valioso material para as súas coleccións.

Retratou literariamente moitas experiencias dos seus primeiros anos en Memorias dunha terra (Galaxia, 1973).

Destacou decontado como un gran lector e gozou con liberdade tanto da ben fornecida biblioteca paterna como da do seu avó materno, o avogado e anticuario Ricardo Blanco-Cicerón. Foi del de quen herdou, sendo inda un neno, as ideas carlistas que defenderá con coherencia ao longo da vida. Defenderá tamén o sentido do honor e da dignidade, a defensa da liberdade, a tolerancia ante as debilidades humanas, o compromiso coa palabra dada e o amor polas crenzas herdados dos devanceiros.

En 1919, a enfermidade da nai obrígao a pasar un curso interno nos Maristas de Lugo. Tralo doloroso pasamento, regresa a Compostela. A familia veranea n'A Retirosa (Cangas do Morrazo, Pontevedra), onde José María coñece o mar e se apaixona pola natureza das Rías Baixas. Din os que o trataron que era un neno inquedo, moi intelixente e enxeñoso que se converteu nun adolescente curioso, e disciplinado. Graduouse en Filosofía e Letras e Dereito, que remata con Premio Extraordinario.

Nos anos universitarios partilla actividades cos membros do Seminario de Estudos Galegos, moi especialmente con Lois Tobío e Francisco Fernández del Riego. Por aquel entón publica tamén os seus primeiros traballos na revista Nós. Ademais, xunto a Domingo García-Sabell, o seu compañeiro de estudos desde o bacharelato, ingresa na FUE (Federación Universitaria Escolar) e convértese nun coñecido activista estudantil. Colaborador na prensa republicana, trata a Federico García Lorca cando o poeta visita a cidade en 1931 e goza da amizade e da compañía de Ramón M.ª del Valle-Inclán, que mesmo chegaría a supervisar algúns dos seus primeiros traballos literarios.

En 1929 participa activamente nas protestas estudantís contra Primo de Rivera, e mostra publicamente a súa defensa do ideario carlista representado na figura de Jaime de Borbón. Foi encarcerado e na cela contigua foino Enrique Líster. Xurdiron entre eles conversas e filosofadas a cuxo recordo o escritor dedicou un artigo en ABC «El mozo de Calo», (12-08-1973).

A comezos dos anos 1930 publica os seus primeiros versos en Guión, o semanario lucense no que colaboraban Ánxel Fole, Arturo Cuadrado, Pimentel e Ricardo Carballo Calero, entre outros.

En 1933 embárcase durante tres meses nun barco pesqueiro que se dirixía a augas irlandesas. Non era esta a súa primeira experiencia, segundo contaba, pois xa gustaba embarcar cos pescadores con apenas doce anos. Durante a viaxe ao Gran Sol presenza fortes tempestades e un naufraxio. Froito da experiencia xorde o poemario Mar del Sol. Poemas de un diario a bordo, publicado en 1940 pero escrito en 1933. Volve escribir longamente sobre o mar na novela histórica que relata a vida de Benito Soto, o último pirata da historia, titulada La burla negra (1955).

En 1929, un mozo Castroviejo forma parte do Patronato Universitrio como vogal representante de estudantes e vincúlase á vida universitaria. Empeza como profesor de Economía e Facenda Pública en 1930, e publica os seus primeiros traballos académicos na revista Las Ciencias.

En 1931 matricúlase, grazas a unha bolsa, no curso de doutoramento da Universidade de Lyon. Desde aquela coñece ben Francia, a súa cultura e a súa lingua. Completa estudos en Madrid e Alemaña. Máis adiante, a proposta do profesor Adolfo Miaja Muela (Santiago de Compostela, 1934), é profesor auxiliar da cátedra de Dereito Internacional Público. En 1935, consolida a súa praza por oposición e convértese en encargado de Economía Política e Facenda Pública na Universidade de Santiago de Compostela. É a mesma praza que ocupara o seu pai, falecido o ano anterior e, antes ca el, Alfredo Brañas. Neses anos, organiza excursións universitarias a Cangas e Vigo co alumnado de Dereito, para que coñeza de primeira man a industria pesqueira galega.

O estoupido da Guerra Civil lévao a loitar no chamado bando nacional e trunca a súa carreira académica. Embarca no cruceiro de guerra Almirante Cervera, comandado por Salvador Moreno, onde foi ferido e desembarcado en Ferrol (setembro de 1936). Volve á contenda en Infantería, designado polo comisario carlista de guerra Luis Manso, como requeté de Ávila en decembro dese ano. Ferido de novo en abril de 1937, regresa da fronte e, en xuño de 1938, casa en Bueu con María Francisca Bolíbar Sequeiros.

Desencantado, afástase da política desde o decreto de Unificación (1937). Despois da guerra foi reclamado polo diplomático militar e ministro Juan Luis Beigbeder, e trasládase a Madrid (1939) como Asesor Cultural do Ministerio de Asuntos Exteriores. Ambos foron destituídos en outubro de 1940. Un ano despois (novembro de 1941), a proposta de Juan Aparicio, sucede a Jesús Suevos na dirección de El Pueblo Gallego. Desde ese posto axudou a moitos intelectuais e galeguistas que pasaban apuros económicos a consecuencia das súas ideas e compromisos políticos. Ofreceulle colaboración pagada, entre outros, a Urbano Lugrís, Fernández del Riego, Ánxel Fole, Luis Manteiga e Otero Pedrayo. O propio Castroviejo mantería unha columna diaria neste xornal baixo o título de «Perfil», usado tamén para as súas colaboracións en Faro de Vigo, onde abordaría os máis diversos asuntos. El era, ademais, o autor dun espazo titulado «Al filo de las fechas» en Hoja del Lunes.

En 1951, cando no artigo «Quien tiene hierro…» Juan Aparicio, Director Xeral de Prensa, ataca con dureza a Ramón Piñeiro pola publicación nos cadernos Grial do ensaio titulado «Sentido metafísico da saudade», Castroviejo responde coa defensa pública a este ataque que lle parece desproporcionado con «De Pueblo a Pueblo», artigo publicado en El Pueblo Gallego o 27 de xuño de 1951 no que defende a Piñeiro e o traballo intelectual que estaba realizando o grupo Galaxia. Este e outros escritos neste sentido, habíanlle causar non poucos desgustos como a apertura de diversos expedientes, a suspensión de soldo ou a privación de vacacións para rematar coa súa destitución como director do periódico.
José María Castroviejo amosou en non poucas ocasións o seu talante liberal e non dubidou á hora de enfrontarse cos poderes do Réxime cando se trataba de defender a liberdade de expresión, a protección da natureza, os dereitos de labregos, pescadores e a cultura galega. A consecuencia desta actitude aberta e crítica finalmente foi obrigado a deixar a dirección de El Pueblo Gallego en 1954.

No ano 1957, fundouse A Casa de América de Galicia en Vigo, o porto de maior tráfico marítimo con América. Entre os impulsores da súa fundación, destacaron os escritores José María Castroviejo e Celso Emilio Ferreiro, que serían o presidente e vicepresidente da institución. Xuntos promoveron iniciativas culturais, conferencias e aulas de formación para que os emigrantes coñecesen o lugar onde se ían instalar. Mesmo editaron a revista Carta de América e conseguiron unha emisora radiofónica propia, en La Voz de Vigo, que cada semana emitía un programa para fomentar o contacto coa emigración galega.

Colaborador habitual en ABC, La Vanguardia, Destino, La Ilustración Gráfica, Triunfo, Caza y Pesca, e outros periódicos, foi un dos xornalistas máis lidos e recoñecidos da súa época. Gran coñecedor das lendas, da historia e da xeografía de Galicia fixo que estes motivos figurasen nos principais medios de comunicación de posguerra. Froito do seu intenso traballo xornalístico, en 1956, recolleu o Premio Nacional de Periodismo e, dez años despois, o Mariano de Cavia (1966). A estes haberá que sumar en 1969 o Godó Lallana, ou o Premio Nacional de Literatura –extraordinario- Ramón María del Valle-Inclán, de 1973. As súas obras foron traducidas ao francés, inglés, romanés, alemán e italiano.

Foi un viaxeiro incansable e impartiu cursos e conferencias en América e Europa. Percorreu a pé gran parte de Galicia, que coñeceu palmo a palmo, para escribir Galicia. Guía espiritual de una tierra (1960). En 1958 publicou Teatro venatorio y coquinario gallego, asinado xunto ao seu íntimo amigo Álvaro Cunqueiro. En 1962 repetirían experiencia con Viaje por los montes y chimeneas de Galicia.

Mentres a vida llo permitiu, Castroviejo puxo a súa pluma ao servizo da terra que o vira nacer. Faleceu na súa casa de Tirán, no Morrazo, o 23 de marzo de 1983.

____

Editorial: Galaxia 04-2026
Idioma: Galego
Páxinas: 126
LITERARIA