Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

LADY SUSAN

€15,00
ISBN 978841280753

Tras o pasamento de Frederic Vernon, lady Susan, a súa viúva, unha muller distinguida e fermosa mais tamén egoísta e intrigante, encomeza a artimañar á busca dun novo marido, quer para ela, quer para a súa filla de dezaseis anos, Frederica. Coa complicidade, os consellos e a axuda puntual da súa amiga Alicia Johnson irá dando conta epistolar de cada un dos seus pasos e estrataxemas cas de Charles e Catherine Vernon, os seus cuñados. Á súa vez, esta última, en cartas cruzadas cos seus pais e co seu irmán Reginald (paulatina e perigosamente próximo a lady Susan), achega unha versión ben distinta das distintas peripecias.

Ao longo das máis de corenta cartas que intercambian, sobre todo, os De Courcy e os Vernon, Jane Austen subverte nesta enxeñosa e retranqueira obra de xuventude os códigos da novela romántica, cunha protagonista manipuladora e capaz de suxugar a quen se lle poña por diante para acadar un status vantaxoso.

Lady Susan publicouse en 1871, medio século longo despois de morrer Jane Austen e por decisión dun sobriño; con todo, é probable que a súa escrita date de finais do século XVIII. Por estilo e contido, anticipa os trazos que farían célebre a brillante autora inglesa no Reino Unido e en todo o mundo.

TRADUTOR/A:Alejandro Tobar

Jane Austen

Jane Austen naceu en 1775 en Steventon (Hampshire), parroquia do sur de Inglaterra na que o seu pai era reitor. A súa familia formaba parte da gentry, isto é, da burguesía agraria. Foi a sétima de oito irmáns, seis varóns e dúas mulleres; a outra rapaza era Cassandra, moi próxima á escritora, quen recibiría o seu legado.

Malia a súa curta vida, escribiu seis novelas longas de gran relevancia, así como catro pezas breves para nada menores e algunhas outras obras de mocidade nas que predomina o ton paródico e sentimental. Velaí as célebres Sense and Sensibility (1811), Orgullo e prexuízo (1813), Mansfield Park (1814), Emma (1815) e as póstumas Persuasión e Northanger Abbey. Tamén son póstumas outras máis breves e igualmente salientables, como a presente obra, Lady Susan, as inconclusas The Watsons e Sanditon, e mesmo a comedia costumista Love and Friendship.

Tras o marco cándido da narrativa de Austen, destaca a visión mordaz e irónica da sociedade xeorxiana na que lle tocou vivir. O seu talento e constancia deron lugar a unha prosa transparente e capaz de captar por igual, tanto xacando coma hoxe, o interese dos círculos académicos e mais o do gran público.

Tras anos enferma, non está claro de que (dun linfoma, de tuberculose ou –a hipótese se cadra con máis peso– dunha grave doenza suprarrenal), morreu en Winchester, no mesmo condado de Hampshire, a mediados de 1817.

_____

Editorial: Hugin e Munin 04-2024
Idioma: Galego