Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

CUMES TORBOENTOS

€23,95
ISBN 9788484876496

"Wuthering Heights” ou “Cumes Torboentos”, na nosa tradución, é unha das novelas inglesas máis sobranceiras do século XIX e Emily Brontë, a súa autora, pertence a ese escaso e escolleito fato de escritores que acadaron o recoñecemento literario cun único libro, aínda que en verdade tamén é autora dalgúns poemas.

A novela é unha exposición arrebatadora sobre o fado, a obsesión, a paixón e maila vinganza a través duns personaxes de espírito atolado ou mesmo perverso que viven nun ámbito social predominantemente mesquiño e nunha natureza agreste, mormente inclemente e tan ríspeta coma moitos dos persoaxes.

É unha narrativa adiantada ao seu tempo que será un modelo para a literatura romántica posterior, coa súa historia pasional de amor, odio e vinganza nun ambiente hostil. Unha obra que crebou os canons morais da Inglaterra vitoriana e os estilísticos coa súa estrutura de bonecas matrioscas. Con todo, “Cumes Torboentos” non só é a historia do amor imposíbel entre Catherine e Heathcliff, senón que tamén abranxe as relacións amorosas da xeración seguinte: os seus respectivos fillos e mailo seu sobriño, e como Heathcliff manipula estas movido pola vinganza e mailo odio. E ao cabo, todo volve ao rego coma se a estraña anomalía que supuxo a aparición e maila existencia de Heathcliff non fose máis ca unha breve tempestade no devir dos páramos.

Cumes Torboentos” é un libro que gañou o dereito a figurar entre as cen, ou mesmo as cincuenta, obras que calquera afeccionado á literatura debe ler porque é, sen dúbida, unha das mellores novelas de tódolos tempos.

ses e converteuse nunha das voces literarias femininas máis importantes da literatura palestina.

Emily Brontë naceu en Thornton, Yorkshire, en 1818. En 1820, a súa familia mudouse a Haworth onde o seu pai exerceu de párroco anglicano. En 1824, Emily e as súas irmás estiveron internas no colexio Clergy Daughters, en Lancashire, cuxas pésimas condicións serviron de inspiración a Charlotte para a súa novela Jane Eyre.

En 1838 traballou como institutriz en Halifax e logo estivo como alumna nun colexio de Bruxelas coa súa irmá Charlotte. No ano 1846 publicouse un tomo de poemas das tres irmás Brontë, malia o escaso éxito do libro, deciden publicar ao ano seguinte cadansúa novela, que hoxe forman parte sobranceira da literatura inglesa, cos mesmos pseudónimos masculinos que utilizaron na súa primeira obra: “Wuthering Heights” de Ellis Bell, “Agnes Grey” de Acton Bell e “Jane Eyre” de Currer Bell.

Trala morte do seu irmán Branwell en 1848, Emily morre tuberculosa poucos meses despois, no mesmo ano. A mesma doenza que levará ás súas irmás Anne, ao ano seguinte, e Charlotte, en 1855.

Tradución, introdución e notas de L.C. Carballal.

____

Editorial: Laiovento 09-2023
Idioma: Galego