Manuel López Rodríguez, un dos autores máis premiados da poesía galega recente, intenta romper nos seus libros a liña do libro anterior e, sen dúbida, en As palabras do sur consegue o seu poemario máis persoal, tamén o que dilata máis os límites do potencial experimentador. Esa característa –recoñece o poeta– é unha constante na súa obra, aínda que As palabras do sur sexa probablemente a de brillo máis escintilante. Detrás destes versos, en apariencia narrativos, hai un traballo intenso, desenvolvido para dotar as palabras, os fonemas, o ritmo, dun contido e sentido propios. No fondo albíscase, como a lúa no fondo do pozo, o que está por riba das nosas cabezas: a apropiación de certos discursos históricos que crean unha estética determinada. “Pódese estetizar o amoral, o horror?”, pregúntase o autor e a súa resposta é inequívoca: “Si”. O libro deixa constancia desa esculca nas súas múltiples lecturas, no seu abano temático, na voz potente dalguén que deixa constancia do que ve para “deleite daquelas que falan”.
Manuel López Rodríguez (Noia, 1978) é cofundador do colectivo Sacou e do dúo poético-musical NoN SomoS NóS. Tamén é responsable de Acha Escrava Editora e da plataforma artística e literaria A Lanzadeira de Alcor, ademais de organizador do Encontro Nacional de Poetas en Idioma Galego. Posúe algúns dos galardóns mais aprezados dos certames poéticos galegos, algúns en repetidas ocasións, como o Francisco Añón, o Avelina Valladares ou o Lopez Ardeiro. Froito desta dilatada traxectoria é unha prolífica produción. Os seus títulos máis recentes con Baixo terra. No ar (2021) O cemiterio. A néboa (2022) A flor da letra (2022), Neste mesmo intre (2023), Cruz(eiro) (2023), Fío (2023), Deica cantil (2023) ou o recente 831-urb (2024), que lle valeu o Premio Johan Carballeira. Na actualidade estuda Historia da Arte e, alén da poesía, experimenta coa fotografía, apintura e o vídeo. Gústalle definirse como un outsider que camiña polas periferias do verso.
____
Editorial: Chan da Pólvora 06-2024
Idioma: Galego