A trama e o desenlace desta novela negra con fondo histórico seduce polo seu trepidante ritmo e por unha narrativa que nos mergulla nunha atmosfera de intriga atravesada pola transgresión, a intolerancia e a liberación.
Durante o último terzo do século XVI, chegaron á casa do Santo Oficio de Compostela rumores sobre prácticas pouco acordes coa doutrina católica no condado de Monterrei. O licenciado Xoán de Freixedo será o encargado de dirixirse á comarca do sueste ourensán para iniciar unha pescuda co fin de aclarar a natureza dos rumores. A aparición duns cadáveres de mulleres novas mortas en estrañas circunstancias provocará que a pescuda se vexa alterada e que dea paso a unha intricada historia na que se verán implicados frades do colexio dos Xesuítas, o intransixente inquisidor Diego de la Cantera, a condesa dona Inés de Velasco e outros moitos personaxes. Arredor deles vaise tecendo unha conexión entre as accións guerrilleiras dos rebeldes portugueses, unha mancebía ambulante, o colexio xesuíta e unha confraría pagá practicante de antigos ritos. A trama e o desenlace desta novela negra con fondo histórico seduce polo seu trepidante ritmo e por unha narrativa que nos mergulla nunha atmosfera de intriga atravesada pola transgresión, a intolerancia e a liberación.
Alberte Blanco Casal (Cobres-Vilaboa, Pontevedra, 1951), escritor, enxeñeiro e profesor xubilado de ensino secundario. Colabora coa revista «Grial» e coa publicación periódica do Fórum Galaico Transmontano de Chaves (Portugal). Foi columnista do xornal «Nós Diario» ata xaneiro de 2024, onde segue como colaborador. En calidade de Director Xeral de Montes participou na obra colectiva «Os incendios forestais en Galicia» (2006). En 2015 publicou a obra de investigación «O conflito de intereses no camiño de ferro de Zamora a Ourense. Aproximación histórica ao período 1840-1930» e en 2017 participou como relator e coordinador na obra colectiva «O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?». En 2019 publicou «Memorias da brétema», un libro de investigación histórica, crónicas e memorias de infancia e adolescencia, e dous anos despois, «Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo» (Xerais, 2021). En 2023 participa como relator na obra «Diario de José Casal» e en 2024 participa tamén nunha obra colectiva sobre o 150 aniversario do camiño de ferro en Galicia, promovida pola Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril. Como narrador literario publicou as novelas «Arcadia. Os gardiáns do segredo» (2013); «O Códice esmeralda» (Xerais, 2017, finalista do Premio Xerais de Novela en 2015) e «A soidade do inquisidor» (Xerais, 2024).
_____
Editorial: Xerais 04-2024
Idioma: Galego