“Como expresión pura do comportamento, o deporte evidencia de maneira núa como reaccionamos ante as tensións, os retos, os éxitos e os fracasos. Ocorre o mesmo na política”. Esta reflexión serve de escusa para falar, dunha maneira distinta, liviá e en moitos casos anecdótica, das cousas que habitualmente quedan á marxe cando se fala de política no día a día. Dende unha visión intencionalmente provocadora, percórrese o camiño ordinario das contradicións dos partidos, as impurezas das decisións e as frustracións electorais para atopar, aí, as esperanzas que sobreviven.
PRÓLOGO XOAQUÍN FERNÁNDEZ LEICEAGA
JULIO TORRADO
(Vilagarcía de Arousa, 1982) é doutor en Psicoloxía social pola USC, área na que se vinculou academicamente como docente e investigador e na que segue a colaborar de maneira externa. Foi tamén docente na Universidade Lusófona do Porto (2010-2012), na Universidade Pontificia de Ecuador (2014–2016) e na Universidade Internacional de La Rioja-UNIR (2024-2025).
Dedicou boa parte do seu labor académico e profesional á psicoloxía do deporte, ámbito do que é autor e copartícipe de numerosas publicacións e no que participou na formación de deportistas e adestradores en diferentes federacións e clubs. Practicou, “con máis vontade que acerto”, varios deportes en categorías base, pero foi o xadrez a actividade coa que tivo unha maior vinculación. Foi campión galego de xadrez xuvenil e por equipos, membro da selección galega en categorías base 1, como xogador e adestrador, e tomou parte en dous campionatos do mundo.
Vinculouse á actividade política dende novo, aínda que o paso á política institucional deuse cando foi deputado no Parlamento de Galicia polo PSdeG (2016-2023). En marzo de 2025 foi nomeado voceiro da dirección galega.