O Calendario histórico de Redondela (Alvarellos Editora), do divulgador cultural Juan Migueles, móstranos dun xeito diferente a historia colectiva deste municipio pontevedrés. Artellado, ao longo das súas 300 páxinas, como un calendario de feitos destacados, está ilustrado con máis de cen fotografías.
Como sinala Xurxo Martínez González, responsable do Servizo de Normalización Lingüística de Redondela: «Este volume responde a unha demanda cidadá: coñecer de xeito divulgativo e breve, rigoroso e conciso, a biografía colectiva de Redondela. A vila e as parroquias. Todas elas configuran un espazo de vivencias, narradas e documentadas, ao longo dos séculos. A suma de tantos episodios explica parte da identidade redondelá. A historia política e deportiva, a mariñeira e sindical, a científica e migratoria, a artesanal e cultural. Este libro trata disto, e máis. A partir do modelo do calendario histórico ofrécensenos páxinas da vida local cunha frescura agradecida para o público lector. A cada día do ano pónselle un dato. Un libro que debera estar tanto nas casas de Redondela coma daqueles que lonxe dela senten a mesma emoción e paixón choqueiras».
____
Editorial: ALVARELLOS 11-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 299
REDONDELA
DIVULGACIÓN HISTÓRICA
HISTORIA