Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

ARAMADOS

€17,50
ISBN 9788416460830
Os meus nove meses polos campos de concentración de Francia. Aramados é un dos libros “perdidos” do exilio republicano galego e español. Escrito no campo de concentración francés de Septfonds durante 1939, o seu autor é o avogado, político, xornalista e escritor galego natural de Ordes Manuel García Gerpe quen, en febreiro de 1939, xunto con miles de exiliados en condicións extremas, tivo que cruzar a fronteira francesa para confinarse en varios campos para refuxiados, entre eles, o de concentración de Septfonds, na rexión de Mediodía-Pireneos. Despois de nove meses durísimos consegue axuda dende Buenos Aires e logra embarcar a finais de 1939. Na cidade porteña continúa a súa loita contra a ditadura.  Unha das primeiras accións será publicar Alambradas (Editorial Celta, Buenos Aires, 1941) a crónica ficcionada dos seus nove mese no campo de concentración francés. Pouco máis tarde, aflixido e enfermo, falece un 4 de xullo de 1949. Medio século despois, en 2019, o poeta, tradutor e profesor Miro Villar (Cee, 1965) afronta a tradución de Alambradas / Aramados, unha crónica que rescatamos este 2020 e que non volvera ser editada dende 1941. Dende Buenos Aires, escribe García Gerpe o 14 de abril de 1941: “Móveme e impúlsame tan só a dor dos meus compatriotas; que por ser deles é miña. Máis de 150.000 refuxiados españois, que levan dous anos longos de cativerio entre aramados, continúan hoxe, presos desta dor, flotando en toda clase de enfermidades, loitando coa morte, tan desafiuzados, tan afastados e esquecidos do mundo como nos primeiros días do noso martirio, cando aínda non se expandira aos catro ventos a inmensa dor dun pobo escravizado”. No Limiar, o tradutor, Miro Villar afirma: “Non oculta o autor o duro debate político entre os propios refuxiados, o que acontece no exterior e mesmo noutros campos, a través da correspondencia que reciben, ou a discusión política sobre os criterios á hora de escolleren as persoas que poderán exiliarse nalgún dos barcos que se están a preparar, nun proceso cheo de dificultades (...) que revelan en ocasións a baixeza humana en situacións límite”.      

____

Editorial: Alvarellos
Idioma: Gallego