Un libro que desmonta o mito do atraso e revela unha Galicia moderna, innovadora e truncada pola ditadura.
A sociedade e o territorio da Galicia contemporánea son produtos históricos. Só así se entende que esa sociedade se construíse sobre a base de mecanismos sociais de igualación postos en cuestión nos distintos procesos de cambio e ruptura que se deron no país entre 1880 e 1939. Foi unha época de importantes transformacións na Galicia rural e urbana, un tempo contraditorio, tanto en Galicia como en Europa, ao cal nos achegamos neste libro para poñer de manifesto o impacto dos grandes avances tecnolóxicos, a extensión das formas democráticas e os logros de benestar social, cando homes e mulleres procuraron partillar un poder vedado para a maioría. Un tempo, o daquela modernidade, que rematou co descenso ao fondo dos fascismos a resultas do golpe de Estado de 1936.
Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa, Ribadeo, 1961) é catedrático de Historia Contemporánea da USC, director científico do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais) e actual presidente da Sociedade de Estudios de Historia Agraria (SEHA). Especializado na historia das sociedades rurais e o cambio tecnolóxico agrario, dirixiu proxectos, teses e publicou traballos sobre a construción da modernidade no mundo rural e, tamén, sobre o tempo do golpe de estado, a guerra e a ditadura. Desde 2023 é académico da RAG. Entre os seus libros recentes conta, en colaboración, «Galicia, un golpe sin cuartel, una guerra sin trincheras, 1936-1960» (2023); «Farming, Veterinarization and Consumers in the Twentieth-Century Western Europe» (2023); «Senderos de la Historia. Miradas y actores en medio siglo de historia rural» (2021); «Leche y Lecheras en el Siglo XX, (2020); «1936. Un nuevo relato» (2020) e «Agriculture in the age of fascism: authoritarian technocracy and rural modernization, 1922-1945», (2013). En Xerais publicou «Labregos con ciencia, 1850-1939» (1992); «Á volta do tempo. Estudos de Historia Contemporánea» (2021); «Terra e Progreso. Historia Agraria da Galicia Contemporánea» (2000); «Os montes veciñais en man común: o patrimonio silente» (2006) e «A Galicia moderna (1880-1939). Unha sociedade activa, unha economía innovadora» (2026).
____
Editorial: Xerais 05-2026
Idioma: Galego
Páxinas: 208
HISTORIA