Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

CUSPINDO A BARLOVENTO

€20,00
ISBN 9788487882269
Sabemos que home non pode competir coa natureza en beleza. Nesta Fisterra desgraciadamente, descubrimos que pode superala en capacidade de destrucción. Velaí a profecía do chapapote que cada naufraxio viña anunciando:

Velaí a profecía do chapapote que cada naufraxio viña anunciando: Polycommander, Urquiola, Casón, Mar Exeo… Galiza, o único lugar do planeta Terra onde os petroleiros tropezan -non dúas- tres, catro, veces na mesma pedra: a incompetencia da administración. E chegou o Prestige. O que puido ter sido un pequeno accidente converteuse na escenificación verdadeira da morte do océano. O arroto dun só barco feriu o mar dende Francia a Portugal, e foi concentrar toda a súa forza maligna contra o soño das derradeiras praias virxes de occidente: a Costa da Morte. A pé de area, aprendemos que, na desgracia do mar, só existe un antídoto: as propias persoas. O “alivio rápido” de última tecnoloxía só trae máis dor ás rochas. Pero as ferramentas cativas convértense nas mans dos voluntarios en obxectos preciosos quen de ir devolvendo, cunha humildade infinita o solaz ao océano. Esta é alianza do mar. O alento de vida dun pobo que foi quen de berrar ¡Nunca Máis!, diante de todos os que se empeñan en seguir cuspindo a barlovento. A hecatombe do Prestige sinala o fracaso definitivo dun sistema onde o petróleo manda máis que os estados, que as persoas, que a natureza. Dende a periferia de Europa, tocounos a nós, as galegas e os galegos, pór en cuestión esta orde obsoleta e converternos en verdadeiros embaixadores do océano. Vide a esta Fisterra. Seguímosvos agardando. Detrás deste anti-mar hai un país marabilloso. E aquí estamos nós, xentes da ribeira, para inventar o futuro. ¡Nunca Máis!. XURXO SOUTO Membro da Plataforma NUNCA MÁIS Dende moi novo teño escoitado, cando non presenciado, historias fantásticas relacionadas co mar. O mar poboado de laranxas ata tornar a súa cor. Mariñeiros que subían nos seus aparellos coñac francés. Un pobo pintado con leite condensado. Nenos cos beizos ateigados de caramelos en forma de chifres traídos polo mar. Barcos de ferro enormes empotrados nas rochas ou colocados limpamente no medio dun areal… O mar devolvía das formas máis inusitadas os obxectos dos que se tiña apropiado. O caso do Prestige é ben diferente. O mar vomitou algo que non quería, algo que se lle tiña tirado de forma contranatural. O resultado era previsíbel pois os científicos tiñan ben estudiadas as correntes de Nadal que determinarían o retorno do chapapote, pero o desprezo por este país fixo que os responsábeis nin sequera demandasen a opinión dos científicos e se limitasen a cuspir a barlovento. As rochas de Nemiña parecían o negativo dunha intervención de Christo. A vista do Coído da Pedriña de Muxía resultaba desoladora. Farolas destruídas, árbores negras, aves e cangrexos agonizando cubertos polo chapapote, rochas, bolos, area, paseo, xardíns, parque infantil negros. Todo negro. Unha paisaxe apocalítica. Lembraba as imaxes que nos emitiran na 1ª Guerra do Golfo en 1991, como a da ave pretoleada, que logo resultou ser da marea negra provocada polo Exxon Valdez. Mentres negaban de forma reiterada a existencia de marea negra. Inmediatamente chegaron voluntarios procedentes dos máis diferentes lugares, que coas mans e con instrumentos propios doutros traballos, comezaron con entusiasmo unha tarea sobre a que non había tratados. Así os obxectos enzoufados de chapapote adquiriron unha nova vida á vez que se convertían nun símbolo da situación que se estaba a vivir. Un traballo desesperante, no que como Sísifo se ven obrigados a limpar novamente as mesmas praias e coídos que deixaran limpas na marea anterior. Os percebeiros da Costa da Morte viron arruinada a súa forma de vida e respostaron con enerxía tamén. Lembro o día de noiteboa no coído de Touriñán, onde dúas ducias de percebeiros e percebeiras recollían o chapapote con sachos como se estivesen a traballar na leira, mentras nunha segunda liña centos de soldados non daban carrexado o que eles apañaran. Nas Rías Bixas os mariñeiros saíron a plantarlle cara ao chapapote desafiando o mar e as prohibicións. Recoverteron tixolas, galletas, angazos e demais trebellos cotiáns ao tempo que os ferreiros deseñaron curiosos aparellos idóneos para pescar o chapapote, escribindo unha das páxinas máis épicas da historia do mar en Galiza. Mentras o barco só vertía hilillos de plastilina, o Instituto Hidrográfico Portugués informábanos de que seguía perdendo máis de 100 toneladas diarias. A información foi substituída pola propaganda política, provocando a indignación colectiva. Como consecuencia xurdiu o movemento Nunca Máis que convocando centos de miles de galegos pide responsabilidades, dinignidade e futuro para un pobo que foi maltratado. Movemento sen parangón na historia dun pobo que o tópico presenta como submiso e conservador. Sen deixar de ser un nome propio, a expresión nunca máis converteuse, incluso fóra de Galiza, en sinónimo de rebelión cívica contra a inxustiza. Na actualidade as escopetas de auga a presión seguen cuspindo a barlovento na Costa da Morte. Longa vida para o espírito de Nunca Máis. Manuel Sendón Sardiñeiro, abril 2003

____

Editorial: CEF
Idioma: Gallego