Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

CASAS DOENTES

€24,00
ISBN 848799234X
No mundo rural galego a casa ten un significado moi especial, e hoxe un gran numero delas están abandonadas, deterioradas ou en ruínas. Unhas semellan estaren cegas, outras mudas e todas elas doentes.

O obxectivo desta serie non foi o dun estudoso da arquitectura nin o de realizar un catálogo desas casas. Non se tratou de establecer as diferentes tipoloxías, aínda que obviamente as súas características aparecen reflectidas. Este achegamento sitúase noutro campo, interesándome fundamentalmente pola capacidade de suxestión das imaxes creadas. Nos traballos artísticos que na actualidade empregan o concepto de arquivo adoita a subxacer o concepto de tipoloxía como base conceptual, como é no caso do realizado polos Becher. En Casas Doentes o concepto de tipoloxía non é importante, de feito nos polípticos de imaxes fúxese da agrupación tipolóxica, mesturando imaxes de casas que pertencen a tipoloxías moi diversas, reflectindo en certa medida o caos que podemos perceber no noso territorio. A agrupación tipolóxica tende a converter o rigor do método no esencial, por riba do poder potencial de cada imaxe, fronte a frialdade desas propostas, pretendín dotar as casas de vida, ata o punto de xerar en algúns casos imaxes antropomórficas. Neste momento estanse a realizar gran número de aberracións arquitectónicas en toda a xeografía galega, pero limitar á análise ao que se acostuma a denominar “feismo” paréceme unha simplificación. Trato polo tanto de fuxir do reducionismo que significaría limitarse a fotografar as devanditas aberracións que se producen no mundo rural, e da fácil ridiculización que tal posicionamento acostuma a levar implícita. Interesoume máis presentar estas casas con toda a súa dignidade a pesar do estado ruinoso que adquiriron co tempo, centrándome na capacidade evocadora e no potencial que teñen para interrogarnos sobre o presente. Non esquezamos que doente non só significa enfermo.

____

Editorial: Centro de Estudios Fotográficos
Idioma: Gallego