Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

BELGRAVIA

€9,90
ISBN 9788487882137
O documentalismo social dende as súas orixes con Riis e Hine caracterizouse por dirixir as súas cámaras ás persoas que sufrían as inxustizas socias. Belgravia ten estrutura de serie, como todos os seus traballos posteriores. Nela mantéñense fixas unha serie de variábeis (iluminación, obxectivo, posición da cámara…) para así poder definir un contexto determinado, como non llo permitiría unha soa imaxe. Este carácter de serie fai que a ironía acade unha maior relevancia.

O documentalismo social dende as súas orixes con Riis e Hine caracterizouse por dirixir as súas cámaras ás persoas que sufrían as inxustizas socias. Sen embargo, nas dúas últimas décadas algúns fotógrafos rebeláronse contra o feito de converter os que sofren en obxecto de contemplación, xulgando esa actitude como vitimismo. Un dos primeiros e máis significativos foi Karen Knorr, quen hai vinte anos no seu traballo Belgravia non fotografa os oprimidos senón os que se benefician da opresión, a clase alta inglesa, presentando os seus gustos, a súa forma de sentir, de pensar e de ver a vida, cunha extraordinaria carga irónica, como a que caracteriza toda a súa obra. Belgravia ten estrutura de serie, como todos os seus traballos posteriores. Nela mantéñense fixas unha serie de variábeis (iluminación, obxectivo, posición da cámara…) para así poder definir un contexto determinado, como non llo permitiría unha soa imaxe. Este carácter de serie fai que a ironía acade unha maior relevancia. Fronte ao carácter transparente que se lle acostuma outorgar á fotografía, estas imaxes amosan como texto e imaxe, sen ser ningún deles ilustración do outro, rematan configurando un todo cunha gran carga narrativa, que adquire unha dimensión totalmente diferente da que tería calquera dos dous discursos por separado. Cómpre ademais subliñar que a interpretación que delas se faga vai vir determinada polo punto de vista da persoa que as vexa. Aquí reside o gran valor da súa ironía. Textos que foron escritos ou pronunciados con toda a naturalidade pódense converter en elementos sumamente críticos dese ambiente.

A importancia que ten a teoría para autora lévaa á exhaustiva documentación previa e á análise profunda, establecendo unha forma de traballo moi distante da que adoita caracterizar a fotografía documental. Incorpora estratexias teatrais, concede grande importancia á escenificación e aprópiase de recursos característicos da fotografía publicitaria, para así cuestionar as formas de representación tradicionais, enfrontando o marcado carácter realista do documentalismo social co efecto de realidade. A importancia que neste traballo ten a pintura é notoria, como as formas de representación artísticas históricas o son e toda a súa obra. Sen embargo o seu posicionamento é moi diferente do que caracteriza o xénero do retrato en xeral, marcado polo culto á personalidade. Ela non pretende representar individuos en concreto senón unha determinada clase, parodiando abertamente todos os seus valores e subvertendo dese modo o xénero do retrato.

A importancia que lle outorgamos á obra de Karen Knorr cando a expuxemos hai dez anos, vese agora co paso do tempo confirmada, mantendo hoxe en día toda a súa vixencia e carácter anovador.

Manuel Sendón Xosé Luis Suárez Canal


____

Editorial: CEF
Idioma: Gallego