Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

INVISIBLE. RELATOS DO MALTRATO

€15,00
ISBN 9788469772843
Relatos do maltrato. Un título sen dúbida revelador, pois invisibles semellan ser aquelas formas de violencia que non entrañan golpes nin sangue.

As historias de Eva, Mariluz, Tina, Ana, Irene, Marga e Begoña son contadas a través de pequenos fragmentos que ben poderían servir para falar da violencia que se exerce sobre as mulleres. Coas súas vivencias, das que a autora dá boa conta, iremos transitando por todas e cada un ha das formas que ten a violencia contra as mulleres, que parte do machismo que aínda pervive nas nosas sociedades, malia que algúns se empeñen en ocúltalo. Invisibles, así pois, incorpora sete relatos en tantos casos de resistencia heroica e acompáñase ademais, alén de senllos limiares a cargo de Carme Fouces e Miguel Anxo Fernández Lores, dun epílogo que entendo relevante subscrito por Rosa Campos, psicóloga do Centro de Información á Muller do Concello de Pontevedra onde, desde un punto de vista global e accesible, se asedian as causas e a realidade do maltrato, convertendo as súas páxinas nunha proposta que, probablemente, poida axudar a moitas persoas nestas situacións. É, precisamente, Rosa Campos quen apunta un elemento clave desta achega definíndoo como un libro operativo para “concienciar á poboación do inferno que vive unha muller maltratada” e, ao tempo,  para “concienciar ás administracións da importancia de escoitalas”. As experiencias de maltrato, físico e psicolóxico, en tantas ocasións un verdadeiro tormento,  converxen na exposición de pautas ou padróns de comportamento que se reiteran nos máis casos. Xorden aquí, como golpes na conciencia, asuntos como a operatividade das denuncias e o temor a interpoñelas, as dificultades para detectar o maltrato, a perversión que se agocha no amor romántico, os casos de neglixencia, a cuestión dos perfís e a dos sentimentos de culpabilidade, o acoso, o exercicio da violencia máis cruel, a cousificación dos fillos, a culpabilización das vítimas… Cada caso é distinto, mais todos conflúen en inquirirnos, como persoas, sobre o que cadaquén fai arredor desta lacra social, sobre o que cadaquén pode facer para evitala. Un libro, en fin, que lle pon cara á violencia machista, ao maltrato, ás mulleres maltratadas e, ao tempo, aos maltratadores e á comprensión social que inexplicablemente os rodea. Un libro difícil de esquecer, quen o dubida, mais ao tempo unha iniciativa necesaria na nosa sociedade cunha inexcusable operatividade para todas as persoas que están en período de formación e non só, mesmo para as mulleres maltratadas, para que saiban que non están soas.

____

Editorial: Edicións Matriarcas
Idioma: Gallego