ROTAS – AS MULLERES QUE O FRANQUISMO AGOCHOU EN COMPOSTELA
(Premio SELIC_2023)
Non é doado romper o silencio sobre as mulleres que permaneceron no manicomio de Conxo durante o franquismo. Rotas é o resultado de buscar nos arquivos, na memoria oral e na escasa bibliografía existente, a pegada das galegas máis esquecidas entre as esquecidas da historia; as que foron borradas mesmo do álbum familiar ou contadas polo pobo con relatos de loucura sen mirar as cicatrices que lles deixara o tempo das irrupcións nocturnas, das violacións ou dos mozos asasinados.
Se ningunha época foi fácil para as tolas, o golpe de Estado de 1936 e a ditadura que trouxo consigo complicárono todo aínda máis: Agravaron doenzas, provocaron traumas e agocharon en Compostela todas aquelas mulleres que había que borrar das vilas por tornarse estorbo. Rotas busca sacalas da cela do esquecemento e, a través das súas vivencias, verter cordura sobre o relato da nosa propia historia.
Montse Fajardo Pérez
É licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e ten un máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas. Traballou en O Salnés Siradella, Radio Ames, Diario de Arousa e Faro de Vigo, e colabora en programas de radio.
De 2013 a 2021 coordinou o equipo do programa A memoria das mulleres, promovido pola Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra. De 2021 a 2023 foi técnica de memoria histórica na Deputación de Pontevedra.
Deu a coñecer en centros educativos e asociacións as consecuencias do insurrección sublevada en Galicia coa charla "A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36".
_____
Editorial: Positivas 06- 2024
Idioma: Galego