Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

O ACEITE DE PALMA: A GRAXA DO IMPERIO

€19,00
ISBN 9788412463583

A historia do aceite de palma comeza como un sacrificio humano capitalista, coa expedición punitiva británica de 1897 contra o Reino edo (actual Nixeria). O relato de Max Haiven remata no réxime carcerario estadounidense, un sistema impulsado polo beneficio onde a poboación reclusa —boa parte da cal ten descendencia africana— é alimentada a base de produtos baratos derivados do aceite de palma.

Polo medio coñeceremos de que modo a industria moderna do aceite de palma se ergueu das cinzas do comercio de persoas escravas e de que modo o aceite de palma foi o ingrediente secreto e o lubricante da revolución industrial. 

Témolo na comida, nos cosméticos, nos combustibles e no corpo. O aceite de palma, que encontramos na metade dos produtos dos supermercados, conformou o noso mundo. Max Haiven descúbrenos como as engrenaxes do capitalismo están lubricadas —literal e metaforicamente— por este elixir ubicuo.

Neste libro atopamos certo relato cronolóxico, mais non é unha historia. É o intento de seguir o trazado de algo que a simple vista non se ve. De responder a dúas preguntas: que significa ser humano nun mundo feito de aceite de palma?; que significa contarnos a nosa historia a nós, corpos feitos de aceite de palma, porque nós, sen excepción, o levamos sobre a pel ou metabolizamos a partir do que comemos?

Seguiremos o aceite a medida que se vai filtrando polo tecido do noso mundo, converténdose no unto das persoas máis pobres e na graxa do imperio do capital.

Dende as súas orixes na África Occidental até as superpotencias do aceite de palma no Sueste Asiático, a narrativa de Haiven lévanos nunha viaxe polo mundo que inclúe tesouros saqueados, o sistema estadounidense dos cárceres, a historia da arte moderna e a industrialización da guerra. Máis aló de chamar ás persoas consumidoras a que fagan boicots, sinala como debemos recoñecer o potencial profundo que ten a humanidade do aceite de palma para conformar o noso mundo máis aló do capitalismo racial e do desposuimento neocolonial.

Historia, soño, teoría, montaxe…: este libro urxente e calidoscópico incítanos a recoñecermos o pasado que hai no presente e a aproveitarmos o potencial para facer un mundo mellor.

 ____

Editorial: Catro Ventos 06-2023
Idioma: Galego