PEGATAS AO PEITO. MEMORIA DEMOCRÁTICA DA TRANSICIÓN EN GALICIA
Once capítulos que narran a historia da transición.
Pegatas ao peito. Memoria democrática da Transicion en Galicia é o título da publicación editada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que peneira no fondo Miguel Gutiérrez para ofrecer unha crónica visual da transición a través das pegatinas que circularon polo país durante catro décadas.
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e os responsables do libro —o propietario do fondo, Miguel Gutiérrez; o historiador Emilio Grandío; e o autor das fotografías, Chema Ríos— presentaron esta publicación na sede do CCG.
No prólogo, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, salienta que a obra posúe múltiples capas de lectura. Sinala, por unha banda, “a importancia do coleccionismo e o labor indispensable dos coleccionistas”, e por outra, que son “un material único para seguir a evolución do grafismo galego ao longo de medio século”. Destaca tamén que “permiten contar unha historia porque reflicten as preocupacións, a contestación política, a reivindicación social, as ansias de liberdades, os valores democráticos, a expresión da solidariedade, as operacións de márketing e propaganda política, as tensións dentro da comunidade, a sopa de siglas que nos asolagou, os conflitos laborais, as manifestacións da identidade, o rexurdir da sociabilidade e dos espazos de encontro e os movementos sociais emerxentes e o asociacionismo”, servindo de crónica visual dun período decisivo.
O responsable do fondo documental, Miguel Gutiérrez, pon o acento no carácter vivo e imaxinativo destes materiais. “A historia non se pode escribir sen imaxinación”, afirma, lembrando que estes adhesivos “representaron unha forma de comunicación barata e masiva”. O coleccionista lembra tamén a diversidade temática: ecoloxismo contra a enerxía nuclear, reivindicacións feministas pola igualdade e polos dereitos reprodutivos, demandas dos colectivos LGTB, debates arredor da OTAN, o servizo militar ou o 23F. Estes adhesivos “convertéronse en testemuñas de fundacións, escisións, fusións ou desaparicións” de organizacións políticas e sociais e foron un símbolo de adhesión ideolóxica nun país en transformación.
Emilio Grandío, coautor da publicación xunto con Gutiérrez subliña a capacidade destes materiais para transmitir un tempo de mudanzas profundas. “O que vedes nestas páxinas son os tempos en que se constrúe o sistema de valores democráticos”, afirma, lembrando que moitos elementos que hoxe parecen básicos estaban daquela por consolidar. Grandío explica que “a propaganda divídese en varias fases, dende a produción ata a manipulación de representacións” e que, vista coa distancia, aquela actividade “semella unha fase premoderna das campañas políticas”. Destaca que unha colección tan ampla como esta revela “un intenso activismo sociopolítico, as demandas reiteradas de cambio e os xeitos en que se verificaba a visualización concreta de determinadas identidades”. Para o historiador, o adhesivo foi “un elemento de reivindicación: visible, barato, accesible…; unha gran ferramenta propagandística que pode compararse, pola súa rapidez, coa inmediatez da información actual coas redes sociais”.
Once capítulos que narran a historia da transición
O volume está estruturado en once capítulos temáticos que percorren, a través das pegatinas políticas e sociais, a evolución da vida pública galega desde a Transición ata os primeiros anos da autonomía. O primeiro destes bloques, Rachar co pasado. Amnistía, legalización de partidos, maioría de idade…, afonda no papel das mobilizacións cidadás que impulsaron o remate da ditadura e reclamaron liberdades básicas, amosando a pegatina como un símbolo da ansia de cambio e da vontade de recuperar dereitos individuais e colectivos. A análise continúa en Sobre “representantes” e “representados”. Das primeiras eleccións xerais ás autonómicas, onde se explora como os adhesivos acompañaron os procesos electorais iniciais e contribuíron a alfabetizar politicamente unha sociedade que se estrea nas urnas. O terceiro capítulo deste bloque, Eleccións locais: votar polo “veciño”, documenta a emerxencia do municipalismo democrático e o peso das plataformas cidadás que transformaron barrios e cidades, convertendo a política local nun espazo de participación directa.
O libro aborda tamén a construción da identidade colectiva no capítulo O pasado como identidade. Estatuto de autonomía e aldraxe, capítulo no que se reflicte a defensa do autogoberno e a reacción fronte ás aldraxes simbólicas que marcaron aqueles anos. A seguir, en “Unha terra, un pobo, unha fala”…, analízase a centralidade da lingua galega no proceso de democratización cultural, coa irrupción de campañas pola normalización e pola galeguización do ensino e da vida pública. As prácticas culturais e sociais teñen cabida en Un lecer “propio”. Asociacións, festas, música…, onde se visibiliza o protagonismo do asociacionismo e da cultura popular como espazos de creación e reivindicación. Estes contidos complétanse con O mundo do traballo. Reivindicacións laborais e sindicalismo, que dá conta dunha sociedade marcada por conflitos laborais e pola fortísima actividade sindical que buscaba mellorar condicións de vida e de emprego nun tempo de mudanzas económicas profundas.
Os capítulos finais —Unha sociedade autoorganizada, As asociacións veciñais; Ecoloxía e defensa do territorio; Os novos actores sociais: estudantado e movemento feminista; e Arredor da violencia. Da impunidade ao pacifismo— ofrecen unha visión ampla da autoorganización cidadá e da aparición de novos suxeitos sociais. Neles amósase como os barrios, os colectivos ecoloxistas, o estudantado ou o feminismo artellaron discursos propios e espazos de autonomía, ao tempo que se documentan as tensións, violencias e respostas pacifistas dun período no que a sociedade galega buscaba consolidar unha convivencia democrática.
ÍNDICE
Presentación
Rosario Álvarez
«Aquelas pequenas cousas»
Miguel Gutiérrez
Construír a democracia: política e identificación. A arte do «efémero»
Emilio Grandío
Rachar co pasado. Amnistía, legalización de partidos, maioría de idade…
Sobre «representantes» e «representados». Das primeiras eleccións xerais ás autonómicas
Eleccións locais: votar polo «veciño»
O pasado como identidade. Estatuto de autonomía e aldraxe
«Unha terra, un pobo, unha fala»...
Un lecer «propio». Asociacións, festas, música…
O mundo do traballo. Reivindicacións laborais e sindicalismo
Unha sociedade autoorganizada. As asociacións veciñais
Ecoloxía e defensa do territorio
Unha nova sociedade: estudantado e feminismo
Arredor da violencia. Da impunidade ao pacifismo
----
Lampos de memoria
Rosario Álvarez | Presidenta do Consello da Cultura Galega
Naceron coa humildade dun formato accesible ás economías máis precarias e aos petos máis paupérrimos, válido incluso para a produción manual de artesanía doméstica; saíron ao espazo público cunha esperanza de vida breve, efémera, sen contar con grandes viaxes nin no espazo nin no tempo. Pero moitas venceron o seu fado e aquí as están, como
golpes de luz termando das nosas lembranzas, lampos que alumean aquí e acolá fragmentos da memoria colectiva, superviventes grazas ao afán coleccionista de quen tivo a visión, moito máis ca unha ocorrencia, de salvar este patrimonio cultural para todos nós.
Os «adhesivos», vulgo «pegatinas» e de xeito máis coloquial aínda «as pegatas». Un prodixio de efectividade comunicativa que combina a expresión lingüística sintética, como un dardo, e unha imaxe atraente, capaz de captar a nosa atención, non só para debullala e recibir adecuadamente a mensaxe senón para difundila, portada sobre nós mesmos ou depositada sobre os obxectos que nos pertencen ou que forman parte da paisaxe cotiá. Porque houbo un tempo en que «aquelas pequenas cousas» —como nos lembra
Miguel Gutiérrez, o sagaz coleccionista que soubo ver o seu valor máis alá do evidente— apareceron e se manifestaron con grande efusión nas nosas vidas e invadiron tanto o espazo público coma o privado: portas, vidros, valos, paredes, coches, cartafoles, libros, bancos, taboleiros, varandas, mobiliario, corpo, roupa... E seguimos, porque despois daquela grande explosión, que marcou e coloreou o tempo de cambio recollido nesta
escolma, as «pegatas» mudaron pero non desapareceron de ningún dos¡ escenarios cotiáns.
Estes pequenos retallos de papel autoadhesivos, con frecuencia clandestinos, case sempre anónimos, permiten contar unha historia, porque reflicten as preocupacións, a contestación política, a reivindicación social, as ansias de liberdades, os valores democráticos, a expresión da solidariedade, as operacións de márketing e propaganda política, as tensións dentro da comunidade, a sopa de siglas que nos asolagou, os conflitos laborais, as manifestacións da identidade, o rexurdir da sociabilidade e dos espazos de
encontro, os movementos sociais emerxentes, o asociacionismo... Serven de crónica dun tempo. Nesta selección, que presentamos nunha sorte de banda deseñada un tanto casual, repartida en once capítulos temáticos, ese tempo é o que vai dende os derradeiros anos da ditadura ata os primeiros anos oitenta, apenas logrado o dereito ao autogoberno; constitúen por tanto unha galería que ilustra, dun xeito que a nós nos semella impactante,
a memoria da Transición.
A crónica visual ten tamén o valor de ilustrar a evolución dos propios obxectos, tanto na súa estética coma nos recursos técnicos dispoñibles ou empregados. Son por iso tamén un material espléndido para analizar a evolución do grafismo galego, que tanto evolucionou e se diversificou no último medio século ata os cumes de excelencia que todos recoñecemos e celebramos.
Como presidenta do Consello da Cultura Galega quixera resaltar, unha vez máis, a importancia do coleccionismo e o labor indispensable dos e das coleccionistas, neste caso focalizados no Fondo de propaganda política Miguel Gutiérrez, unha destacada colección documental privada reunida polo cidadán consciente que lle dá nome, e que recolle a propaganda e publicidade políticas entre o final do franquismo e a primeira década deste
milenio; uno a esta manifestación a da satisfacción e gratitude do Consello da Cultura Galega por poder acrecentar os seus arquivos coa dixitalización deste impoñente Fondo documental, que así se preserva e pon a disposición dos públicos interesados.
Abrimos esta fiestra á memoria colectiva de varias xeracións de galegas e galegos o día 20 de novembro de 2025, cando se cumpren 50 anos da data que pode marcar simbolicamente a fin do franquismo.
____
Editorial:Consello da Cultura 12-2025
Idioma: Galego
PÁXINAS: 165
ENSAIO/INVESTIGACIÓN
TRANSICIÓN GALICIA
CONSTRUIR A DEMOCRACIA
MOVEMENTO OBREIRO
IDENTIDADE CULTURAL
POLÍTICA