Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

MURGUÍA 45-46 (XANEIRO-DECEMBRO 2022)

por VV.AA.
€13,00
ISBN 0460103202300

Abrimos as páxinas do presente volume duplo de Murguía, Revista Galega de Historia coa transcrición, na apartado de Fontes, dun documento inédito de extraordinario valor para a historia lingüística, científico-literaria e cultural da Galiza medieval: unha receita en galego do século XV localizada no arquivo da Real Chancelería de Valladolid da man dos investigadores Ricardo Pichel, da Universidad de Alcalá e do Instituto da Lingua Galega, e Rodrigo Pousa Diéguez, da Universidade de Vigo, que analizan con absoluto detalle e rigor o devandito documento. A seguir, Rodrigo Pousa afonda nas confesións dunha «bruxa» de Pazos de Arenteiro procesada no s. XVII, testemuño documental de enorme interese. Doutra banda, Miguel García-Fernández e Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, investigadores do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, nos presentan cinco «espontáneas» lucenses, realizando unha aproximación á muller, á sexualidade e á violencia na Galiza do s. XVIII. Pecha a devandita sección, xa situados na contemporaneidade, o investigador e bibliotecario da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Francisco Xavier Redondo Abal, cunha aproximación á vixilancia e control exercidos pola Brigada Político-Social franquista ao nacionalismo galego.

Abre as páxinas do apartado de Investigacións o investigador Suso Vila, da Academia Montsefarad de Chaves, cun texto sobre o exilio dos cristiáns novos en Galiza. O profesor e historiador Emilio Xosé Insua afonda sobre o agrarismo, o republicanismo e o combate anticaciquil no Castro Caldelas anterior ao «Bienio Negro» a través da figura de Manuel Casado Nieto. A continuación Xosé A. Fraga Vázquez, historiador e divulgador da Ciencia, presenta a traxectoria ideolóxica de Emilia Pardo Bazán, para desenvolver a investigadora predoutoral Mª Aurora Pérez–Carro y Fole, da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), a súa achega sobre a subida ao poder e caída do ditador Miguel Primo de Rivera, con especial atención á súa relación coa intelectualidade galega do momento. Os historiadores Eliseo Fernández e Dionísio Pereira realizan unha exhaustiva achega sobre a primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza (1936-1940), pechando as páxinas da devandita sección o investigador predoutoral da USC Jorge Viz González, cun texto sobre a Arte no espazo público, poñendo en valor a autoxestión e as políticas culturais galegas entre 1970 a 1990.

No apartado de Lembranzas, o historiador e directivo do Instituto Galego de Historia (IGALHIS) Prudencio Viveiro Mogo centra a atención na figura do galeguista exiliado Florencio Delgado Gurriarán, ao que se lle adica o Día das Letras Galegas ao longo de 2022. No espazo dedicado á Entrevista, o investigador e docente Carlos Dias Diegues conversa co historiador e profesor Lucio Martínez Pereda. Na sección Museos, Arquivos, Bibliotecas e Lugares, presentamos o Museo das Peregrinacións e Santiago, que vén de celebrar o seu setenta aniversario, para debullar na sección Lecturas as obras O reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria, da man de Carlos Dias Diegues, do IGALHIS; Guía para o estudo da prosa galega medieval, a partir das reflexións de Eduardo Louredo, do Instituto Galego da Lingua (ILGA); Domingo de Andrade. A invención do barroco, da man de María Rivo Vázquez do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS); e The Bronze Lie Shattering the myth of spartan warrior supremacy, recensionada por Alberte Lago Villaverde, docente e investigador do IGALHIS.

Pechamos o presente volume duplo de Murguía, Revista Galega de Historia coa sección A Rede e o suxestivo texto «O patrimonio documental galego na rede (II): de Ribadeo a Zaragoza, pasando polo Saviñao», autoría do medievalista do IEGPS e do IGALHIS Miguel García-Fernández.

En calquera etapa histórica convén ser conscientes de que nada coñecido e existente debe darse por definitivo e inmutábel (nada é existente in aeternum). Cuestión que debe ser tida presente en particular no mundo da Globalización no que nos achamos, no que os ciclos cada vez son máis curtos e no que os cambios que operan a nivel mundial preséntanse cada vez máis convulsos, a partir de fortes crises sistémicas. Cando aínda a pandemia derivada da irrupción da COVID-19 seguía (e segue) acompañándonos, estalou a Guerra ruso-ucraína. Un conflito bélico con ramificacións internacionais e que dun modo ou doutro se veu xestando desde 2014, na etapa máis cercana aos nosos días, a partir da Guerra librada no Donbás.

Após a II Guerra Mundial (1936-1945) e a Guerra dos Balcáns (1991-2001), con setenta millóns de mortes, no primeiro caso, e cento trinta mil mortos e mortas, no segundo caso -e para alén doutros conflitos armados de menor alcance-, a guerra ruso-ucraína volve presentar en territorio europeo un fantasma que deberiamos dar por superado. Mais a realidade é que xa son 300 días os que se prolonga esta guerra diante deste final do presente ano 2022 e non parece ter esta guerra un fin cercano. Infelizmente as relacións internacionais e a diplomacia, en favor dunha saída inmediata e pacífica, non parecen ser a prioridade neste conflito, que seguramente se prolongará ao longo de 2023 con resultados absolutamente catastróficos.

____

Editorial: Instituto Galego Historia 03-2023
Idioma: Galego