Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

AS GRATITUDES

€15,00
ISBN 9788412600766

A saúde de Michka, unha muller independente e culta, reséntese, polo que xa non pode vivir soa e ingresa nunha residencia da terceira idade. A afasia que padece fai que confunda as palabras e se perda seguido nas conversas; amais, as súas noites énchense de pesadelos nos que recibe reproches pola súa repentina vulnerabilidade. Tanto Marie, a súa veciña, coma Jérôme, o logopedista que a asiste, poñen o seu gran de area para que a anciá deixe de sufrir polo que considera unha débeda moral relacionada cun momento clave do seu pasado.

As voces de Marie e Jérôme debullan os últimos meses de vida da protagonista. Dende as primeiras páxinas, esta conmovedora novela interpela o lector e convídao a reflexionar sobre a vellez, a dependencia, a angustia, a deterioración imparable e a empatía. Como revela o título, a gratitude ocupa un lugar central: a de Marie cara á persoa que permitiu que se convertese na muller que é; e a de Michka, cuxo maior desexo é localizar as persoas que lle salvaron a vida.

A palabra é así mesmo crucial na construción da historia, tanto pola sobriedade e a depuración estilística que caracterizan o relato coma polos dramáticos e por veces humorísticos lapsus de Michka, que revelan dun xeito doloroso a perda paulatina da facultade de se comunicar para quen foi –ironías da vida– unha traballadora das palabras.

Delphine de Vigan naceu en Boulogne-Billancourt en 1966. Formouse primeiro na súa vila natal e máis tarde no departamento de Orne, en Normandía, onde se trasladou coa irmá e co pai despois de que a nai quedase hospitalizada nun centro psiquiátrico. Malia ver truncada a súa traxectoria académica pola anorexia nerviosa que padeceu na adolescencia, acabou estudando no Centro de Estudos Literarios e Científicos Aplicados, vinculado á Universidade da Sorbona, para logo traballar no eido das sondaxes de opinión.

O relato autobiográfico Jours sans faim (2001), asinado co pseudónimo Lou Delvig, supuxo a súa estrea literaria. A súa identidade revelouse en 2005 coa publicación de Un soir de décembre, á cal seguirían Sous le manteau e mais No et moi (ambas de 2008), esta última un éxito de vendas en Francia, o que a levou a ser adaptada ao cinema. A partir de entón De Vigan converteuse en escritora profesional. A proxección internacional chegoulle con Rien ne s’oppose à la nuit (2011), centrada na reconstrución da figura da súa nai e do trastorno bipolar que sufría. Tras ela viñeron D’après une histoire vraie (2015), adaptada ao cinema en 2017 por Roman Polanski; Les Loyautés (2018), As gratitudes (2019) ou Les enfants sont rois (2021), arredor dos nenos expostos ás redes sociais. As súas ficcións, traducidas a máis de vinte linguas, adoitan alimentarse de experiencias persoais e presentan personaxes complexos co propósito de acceder a temas universais a través do íntimo.

Amais de ser unha das escritoras francesas máis recoñecidas na actualidade, fixo incursións no mundo do cinema; así, participou na escrita de guións, como Tu seras mon fils (2011) ou Damoclès (2016), e en 2014 dirixiu o seu primeiro filme: À coup sûr.

____

Editorial: Hugin e Munin 06-2023
Idioma: Galego