En palabras recollidas do Epílogo de Ana Luisa Bouza: “Non hai que confundir a realidade co desexo dos homes”, recoméndanos un dos relatos desta obra colectiva. Non hai que confundir a literatura coa ollada masculina. A simple acción de escribir, de pasar de lectora a autora, de decorado a protagonista, cambia a literatura porque cambia o punto de vista. Mais este cambio faise radical cando a escrita é feminista. Se ollamos alén da aparente banalidade da escrita de ficción, podémonos facer unha idea da importancia do “relato dos relatos” na socialización, na construción, destrución e cambio de estereotipos de toda caste, incluídos os de xénero.