Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

CURUXA. A VOZ DE AZAZEL

€18,00
ISBN 9788494163234
Conta a historia de Curuxa, unha bruxa noviña que trata de recuperar as voces roubadas por outras feiticeiras. Esta historia fainos ver como axudándonos uns a outr@s conseguimos vencer as dificultades. Conta a lenda que canto máis fermosa é unha voz, mellores son os feitizos das bruxas. Existe unha voz máxica coa que calquer conxuro é posible "a voz de Azazel" O cómic está cheo de cores, espíritos, animais, maxia, amizade e referencias á Galiza, aos seus contornos e tradicións. Premio fin de curso 2015 de la escuela profesional de historieta e ilustración O garaxe hermético.

Na procura desa voz, Morcia, unha bruxa noxenta, roubará as voces de todos os nenos. E tamén a de Curuxa, unha aprendiz de meiga, que privada da súa voz e polo tanto da súa maxia, terá unha difícil misión, recuperar todas as voces. ENTREVISTA EN SERMOS GALIZA (9 XANEIRO 2017) Como nace a idea de Curuxa, a voz de Azazel? Nace como proxecto na escola O Garaxe Hermético. Fixen unha análise de mercado e vin que había unha carencia de banda deseñada para o público infantil xuvenil. A min gústanme moito as historias con aventura, maxia e fantasía, e como tamén á miña moza lle gustan moito as meigas e colecciónaas, decidín optar por facer unha historia dunha meiga. Quería que non fose unha aventura sen máis, senón que tamén houbese unha pequena mensaxe. Así que decidín facer que a protagonista, Curuxa, tivese algún tipo de cadencia para que se apoiara no resto dos personaxes que foran saíndo na historia. Dese xeito, teríamos a mensaxe de que apoiándonos uns os outros poderemos conseguir as metas que nos propoñamos. A partir diso, cheguei á conclusión de que Curuxa tiña que perder a voz. No mundo máxico contan que canto máis fermosa é unha voz, mellores son os seus feitizos nas bruxas. Di a lenda que hai unha voz que é máis bonita que calquera conxuro posíbel. Hai unha bruxa malvada que está a buscar esa voz e rouba as voces de moitos nenos e a da propia Curuxa, unha aprendiz de maxia que as recupera. O cómic recibiu o Premio de Fin de Curso da Primeira Promoción do Curso Profesional de Banda Deseñada de O Garaxe Hermético de 2015. Que sentiches ao acadar o premio? Quedei moi contento. Teño 36 anos, eu víame fóra da banda deseñada. Antes era enxeñeiro técnico naval e traballaba en Ferrol. Tiña afección por facer cómic. Para min era un hobbie, mais era unha porta que pensaba que estaba pechada. A raíz de despidos, e por mor da crise, entrei no Garaxe Hermético. Rematei os tres anos e acadei o Premio de Fin de Curso. Imaxina! O soño dunha vida feito realidade por poder publicar este cómic. Non podo estar máis contento. Agora estás dando clases, non? Si. Xa antes de rematar na escola, Kiko da Silva íame collendo para substituílo e axudalo cando tiña moitos rapaces. Despois comecei a dar clases extraescolares no Garaxe Hermético, xa levo dous anos. A maiores, os sábados, imparto un taller de cómic na Sociedade Liceo de Noia. "Non nos podemos esquecer de onde vimos. As propias meigas ou os homes lobos forman parte da nosa tradición" O libro está cheo de cores, de espíritos, de maxia, máis tamén conta con referencias á Galiza, por exemplo ao Río Miño ou á famosa lenda da Santa Compaña. Son un autor galego e quería levar ao cómic a tradición que temos na nosa terra. Non nos podemos esquecer de onde vimos. As propias meigas ou os homes lobos forman parte da nosa tradición. As aureanas feiticeiras é unha lenda do Río Miño que di que antigamente cando a xente quería cruzar o Miño habías aureanas que os invitaban a cruzar, e cando atravesaban o Miño metíanselles na boca, empuxándoos ao fondo do río até comelos. Tentei que houbera moito ambiente da Galiza: as choivas, as néboas, os ambientes escuros, os montes, etc. É un cómic divertido, onde os animais, coma as persoas, tamén son protagonistas. Partimos de que é un cómic para rapaces e que quería transmitirlles unha mensaxe, mais non nos podemos esquecer de que se teñen que divertir. E como non a todos nos gustan as mesmas cousas, tomei unha decisión un pouco arriscada, que foi a de meter moitos personaxes. Por exemplo, aos nenos encántalles o gato. A outros, o moucho, os lobos, etc. Ao ter tanta variedade, a cada un gústalle un. Aínda que os que máis coinciden son aos que lle gusta o gato, Lusco. A protagonista, Curuxa, é unha bruxa. Unha muller. Hai detrás algunha intención? Eu teño sobriñas e vexo que, ademais de haber moita carencia do cómic infantil xuvenil, se nos poñemos a contar, Mortadelo e Filemón, Astérix e Obélix, Superlópez, etc. Temos a Malfada, mais case non hai cómic infantil que teña como protagonista unha rapaza. Están esquecidas. Eu quería facer fincapé niso. “Arre demo! É que son o único que fala neste cómic?”. En varias ocasións hai alusións a que estamos lendo iso, un cómic. Foi algo buscado? Foi algo buscado para facer un chiste máis. Obviamente sabemos que é un cómic porque o estamos lendo, mais como é a miña primeira obra, era unha maneira de saudar e agradecer á xente. Eu fago sesións de firmas e pódoo dedicar, mais non a todo o mundo lle podes facer unha dedicatoria. Entón, era unha maneira de saudar indirectamente o lector, dándolle as grazas por confiar con esta primeira obra tan importante para min. "Kiko da Silva transmitiume un gran amor por facer as cousas de maneira tradicional" Fálanos un pouco do proceso de creación. Antes de nada partín dunha pequena idea, que tipo de aventura e cal vai ser a mensaxe. A partir de aí vaise facendo o guión por escenas, coma se fose un telegrama. Cando temos todo iso, agrúpase en escenas e faise un guión cinematográfico, as viñetas en pequeno acompañadas do texto. Despois faise outro bosquexo destas viñetas e dos textos meténdoas en páxinas para ver como queda. Unha vez que temos todo iso xa se pode comezar a debuxar. No meu caso debuxo a lapis, aínda estamos nunha era na que o 90% do sector se fai en dixital, Kiko da Silva transmitiume un gran amor por facer as cousas de maneira tradicional. Este último ano estiveches colaborando coas túas bandas deseñadas no Sermos, nunha entrega titulada Trogloditas. Que supuxo para ti? Cando entrei no Garaxe Hermético, a parte de facer todos os exercicios que nos mandaban, tiña a idea de realizar as tiras de Trogloditas. Comecei a facelas alí. Moitas das historietas que están no Sermos xa as tiña feitas, mais nunca se publicaran porque para min foron un proceso de aprendizaxe. Pero gustábanme tanto os personaxes e tíñalles tanto cariño que quixen refacela. Agora, que xa teño máis man, estou moi contento de como están a quedar. Eu estou encantadísimo con que se publiquen no xornal. E agardo seguir facendo máis. "A banda deseña na Galiza está a pasar por un moi bo momento" Cal é a túa opinión sobre a realidade da banda deseñada na Galiza a día de hoxe? Gozamos dun momento moi rico de banda deseñada. O claro exemplo está nos mestres do Garaxe Hermético, Kiko da Silva, Fernando Iglesias, Fran Bueno, Miguel Porto, etc, ou o propio Miguel Anxo Padro, que está na cima do cómic a nivel mundial. Temos moitos autores da banda deseñada que están a gozar de moi boa posición e moi boas historietas. Ademais, agora coa saída do Garaxe Hermético temos a vantaxe de poder incrementar iso e que vaian saíndo máis autores. Estamos nun momento increíbel. A banda deseña na Galiza está a pasar por un moi bo momento. -“Grazas por lernos, vémonos no próximo cómic”, din as e os protagonistas ao final de Curuxa, a voz de Azazel. Para cando outro? Boa pregunta (risos). Agora mesmo estou en fase de guión, mais ao estar metido noutros proxectos, o seguinte cómic aínda tardará. Pero tentarei telo para o 2018.  

____

Editorial: Retranca Editora S.L.
Idioma: Gallego