A Historia axéitaa sempre quen a conta aos seus propios intereses.
Desde os tempos máis remotos temos constancia da percepción por parte dos seres humanos doutros planos da realidade, de feitos marabillosos e de seres que escapaban ás leis da Natureza e, posteriormente, da Ciencia.
Dun xeito ou outro, todos eses elementos pertencen ao mundo da Maxia, do que atopamos claras referencias na maioría das crenzas e relixións. E os seres que pertencen a ese mundo, indefectiblemente, aparecen agrupados en dúas castes antagónicas: bos e ruíns, anxos e demos, fadas e bruxas...
E o ser humano queda aí, no medio, loitando coa súa propia natureza ambivalente. Cando menos, así o contamos nós mesmos, os humanos. Pero, no fondo, descoñecemos a versión das outras partes... E se o papel da humanidade nesta historia non fora o que ela mesma contou? E se non foi tan inocente e pasivo como se pretende? Que sucedería se se chegase a descubrir que ese reparto de roles, cuns seres malignos tentando e corrompendo a uns seres humanos inocentes, non é outra cousa que a versión interesada da historia contada polos propios «culpables»?
____