Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
CARMELO LISÓN TOLOSANA

CARMELO LISÓN TOLOSANA

“A creatividade mental que hai en Galiza non a atopei en ningún outro lugar”

Carmelo Lisón Tolosana (La Puebla de Alfindén-Zaragoza, 1929 – Madrid, 2020) foi o primeiro antropólogo que escolleu á Galiza como área para realizar un estudo de campo, aplicando as novas técnicas da etnografía. Eu non coñecía Galiza, nunca estivera aquí, mirei o mapa de España e pensei que tiña que escoller unha área que fose maior ca unha pequena comunidade para facer un contraste. Collín o coche e percorrín toda a Galiza, toda, fun tomando notas, lin moito, comprei todos os libros que puiden sobre o país, e mapas, estatísticas, etc. 

Despois voltei a Oxford e comecei a preparar o tema, o programa, que había que eu podía estudar. A realidade foi que despois atopei cousas que nunca esperaría coma os catro tipos de familia espléndidos. Esa variedade nun sitio pequeno era excitante. Eu tiña máis interese en cuestións ao estilo do traballo anterior: a terra, a propiedade, a herencia, como estaba todo encaixado na terra, até os valores, todo viña da terra. Pero atopeime con isto e cando empecei a ver o que era tiven que empezar a estudar máis en serio. 

Coas crenzas xa viña máis preparado pois decatárame de que había moita riqueza e conviña que non se esluíse. Recollín moreas de dados, fixen 30 mil Km. por Galiza, estiven vivindo dous anos seguidos aquí.