Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

NARELLE JUBELIN. NALGURES

por VV. AA.
€25,00
ISBN 9788445354735

Con textos de Natalia Poncela, comisaria da exposición, Santiago Olmo e Isabel Carlos, Nalgures é o catálogo da mostra individual da artista autraliana Narelle Jubelin (Sydney, 1960), que tivo lugar no CGAC en 2022.
Nalgures detense nas memorias dos lugares e nos distintos modos en que estes son ocupados, recorre a referentes culturais concretos dentro do contexto galego e vincúlaos con outras cartografías e referencias da biografía e traxectoria artística de Jubelin.
A través de pezas procedentes de diferentes series da artista, o libro propón un repertorio de discursos posibles que, ao xeito de agrupamentos de obras ou quendas, nos permiten tecer unha rede de intereses e afectos, por veces íntimos e, outras veces, non tanto.

Nalgures sitúanos nunha indeterminación que está por definir, no interior dunhas xeografías fragmentarias: lugares, vestixios, modos de ocupación. Narelle Jubelin (Sidney, 1960) detense nas memorias duns espazos, duns referentes obxectuais e literarios concretos dentro do contexto galego que vincula con outras cartografías e con referencias á súa propia biografía e á súa traxectoria artística. Isto ocorre, por exemplo, nunha intervención caligráfica onde Jubelin interpreta A desvértebra, un texto da poeta Ana Romaní (Noia, A Coruña, 1962). Ademais, con ocasión deste proxecto, Jubelin incorpora por primeira vez á súa semántica outras creacións artísticas contemporáneas, como é o caso das fotografías que Anna Turbau (Barcelona, 1949) realizou en Galicia a mediados dos anos setenta e que sinalan elementos aos que a artista australiana acode décadas despois.

Nalgures profunda na memoria da paisaxe e das construcións humanas habitacionais, pero tamén nos modos de ocupación espacial e na redefinición formal das distintas producións culturais. Ás novas obras, realizadas especificamente para esta exposición, únense elementos presentes en proxectos anteriores como Soft Shoulder (Art Gallery of Western Australia, Perth, 1997), Shumakom (Artists’House, Xerusalén, 2002), Afterimage (La Casa Encendida, Madrid, 2012), Plantas e Plantas (Fundação Calouste Gulbenkian, Lisboa, 2013), Suelo y pared (ABM, Madrid, 2018), Camiño Primitivo (Nordés, Santiago de Compostela, 2018) ou The Housing Question (Penrith Rexional Gallery, Sidney, 2019).

Como punto de partida, o propio CGAC, inserido nunha extremidade do parque de Bonaval onde a presenza da auga vertebra este antigo soar conventual que, pola súa vez, está unido á intensidade da arquitectura dun cemiterio extinto. A proximidade do camiño principal de peregrinación a Compostela, o Camiño Francés, enlaza coa localización dunhas arquitecturas de auga que atraen a atención de Narelle Jubelin. Unha delas é o lavadoiro de Pinisqueira (Aguiño, Ribeira, A Coruña), situado xunto ao mar nun lugar próximo ao camiño A Orixe, a última das rutas de peregrinación articuladas ao redor da traslatio do corpo do apóstolo desde Xerusalén. Precisamente nesta cidade, durante a segunda intifada en 2002, Jubelin expuxo Shumakom, un proxecto no que profundaba sobre o conflito e a ocupación. De aí xorde a referencia presente en Nalgures á franxa de Gaza; en concreto, á organización espacial dun dos campamentos de refuxiados, antes e despois do bombardeo que tivo lugar un 25 de xullo, no contexto da ofensiva israelí do verán de 2014.

En Shumakom atopabamos a fusión de dúas voces de diferente orixe —hebrea e árabe—, un encontro que se podería traducir como “ningún lugar”. Desa indeterminación, desa ausencia de lugar tomamos posición en nalgures, nalgún lugar. Continuamos, así, na indeterminación, agora practicable e transitable. “Tomar posición é desexar, é esixir algo, é situarse no presente e aspirar a un futuro”, escribía Georges Didi-Huberman.

_____

Editorial: XUNTA 3-2024
Idioma: Galego