Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

CIDADES NO TEMPO: A CORUÑA

por VV. AA.
€30,00
ISBN 9788445354551

A Coruña no tempo é unha celebración do fenómeno urbano en Galicia e a súa contribución á configuración da identidade local e galega, centrada na cidade da Coruña. O enfoque expositivo parte da memoria do visitante para deconstruír o espazo urbano e comprender as claves do seu cambio, relacionando as transformacións da cidade coas lembranzas locais. A mostra entende a cidade como un sistema cultural que constrúe parte da identidade dos seus habitantes e explorará esa rede de símbolos, palabras e relatos compartidos que son tamén herdeiros do tempo.

A Coruña no tempo é a cuarta das mostras que se poñen en marcha no marco dun proxecto máis amplo, Cidades no tempo, que contempla unha exposición en cada unha das sete principais urbes galegas. Tras Santiago, Ferrol e Lugo, a proposta continúa o seu percorrido na Coruña co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia, traspasando os tópicos do seu carácter esencialmente rural.

A iniciativa está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación (Obra Social ABANCA), en cuxas sedes se ubican as exposicións en cada cidade. O relato expositivo explora a cidade da Coruña dende as súas orixes ata a actualidade cunha combinación única de obxectos de alta cultura e cotiáns, obras de arte, documentación histórica, mapas e planos, recreacións virtuais, instalacións e escenografías, fotografías e publicacións.

A Coruña no Tempo aborda a urbe dende diversas perspectivas e a través de distintos enfoques, poñendo nun espazo común a cultura, a economía, a estética, o urbanismo, o lecer e o sentir dunha sociedade dinámica, emprendedora, liberal e marcada polas influencias internacionais que tiveron o porto como punto de entrada. E é que o seu carácter marítimo non só tivo relevancia económica ao longo da historia, mesmo foi fundamental no desenvolvemento urbano da Coruña. Tomando a Torre de Hércules como partida, o percorrido lévanos dende a Cidade Vella ás primeiras industrias e grandes iniciativas empresariais privadas (Inditex, Estrella Galicia... ); dende a cidade das mulleres (María Pita, Isabel Zendal... ) á cidade ilustrada (Curros Enríquez... ).Moitas das pezas que artellan o relato desta exposición son resultado das investigacións realizadas nos últimos anos e que están transformando o coñecemento do pasado coruñés.

Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta mostra conta  co asesoramento, como coordinador local, do xornalista e xestor cultural Rubén Ventureira. Na exposición colaboran institucións relevantes para esta cidade, coleccións particulares e recoñecidas entidades empresariais. Entre outros, figuran como cedentes a Biblioteca Pública da Coruña M. González Garcés, Biblioteca do Real Consulado, Arquivo Municipal da Coruña, Museo Arqueolóxico de San Antón, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo de Arte Sacro Colexiata Santa María do Campo, Inditex, Banco Santander ou RC. Deportivo da Coruña

_____

Editorial: XUNTA 09-2023

Idioma: Galego/Castellano/Inglés