Isto non puido ocorrer.
Pois non, querida lectora e lector, si que aconteceu. Nas 43 historias que aparecen neste libro algunhas semellan falsas, mais foron realidade. Os diálogos ficcionados quizais non estean tan lonxe dos que se escoitaron na realidade. Son historias que reflicten retallos do mundo no que estamos a viivir....
Retallos do mundo poden ser visións, enfoques, reflexións... que é para vostede un retallo?
Si, con retallos construímos unha cousa, neste caso un libro, de retallos de historias que nos contan un pouco como se están a vivir certas cousas no mundo. Eu exerzo de costureiro cos retallos que fun collendo ao longo do tempo, porque son moi curioso e teño moita documentación de xornais en papel e algún de internet. Son temas que me interesan, sobre todo deportivos e culturais. Pero como vivo neste mundo, tamén me interesa a política e temas sociais. A primeira historia disto pode ter 12 ou 13 anos. Gústame bastante a prensa portuguesa e tamén teño varios. Nun momento determinado, pensei que podía xuntalo dalgunha maneira. Hai historias que poden ter algo en común, de como vemos o mundo. Por exemplo, eu non coñezo a Alan Parsons, pero sei un detalle que me fala del como persoa. Cando Mutenrohi foi o seu teloneiro, Alan Parsons chamou a súa porta para pedir perdón porque non fixeran a proba de son. Podería ter mandado a alguén do equipo. Hai detalles que amosan moito e esa é a idea destes relatos.
Son microrrelatos ou son retallos?
Ao mellor un retallo de xornalismo e literatura. Porque tamén hai esa crenza de querer facer algo literario, e, sobre todo, cando hai diálogos, que non están moi lonxe da realidade pero aí ficcionas. É o xornalismo do que fun recompilando ao longo do tempo de cousas que me resultaron curiosas e tamén presentalas dun xeito máis literario. Fago cousas especiais.
Foi difícil a elección das 43 pezas para ter un libro de 100 páxinas?
Hai moita temática. Desbotei catro porque non quería que alguén pensase que eran frouxos. Aínda que xa sei que algúns gustarán máis que outros, normal, e algúns terán máis pegada por afinidade persoal. Fío condutor non hai. Aparece o racismo no primeiro e outro máis tarde.
Quixo xogar coa ficción e a realidade?
Todas as historias son realidade. Pero cada vez que me atopaba con elas, dicía: “non, non, isto non é posible, como anda o mundo”. Como o caso Iguala dos rapaces mexicanos desaparecidos. Un amigo dicíame que ficcionei, pero non. Non inventei nada. Son historias que saíron en prensa e son verdade. Logo eu doulle o meu toque.
Un pode rematar este libro e pensar “que lle pasa ao mundo?”. E vostede, con que sensación se queda?
Hai moitas cousas incomprensibles e curiosas. É o que sentín cando me atopaba con estas informacións. Creo que a xente xa sabe como vai o mundo. Con algunhas historias te podes indignar e con outras podes botar un sorriso.
Quixo probar algo novo con relación a publicacións anteriores?
Eu pensei que co que tiña, así era o mellor. Que se poda ler pouco a pouco. Nunca fixera nada así e ao mellor non o fago nunca máis. O igual en 15 anos fago un Retallos do mundo 2, porque vou seguir recollendo historias.
Algún autor foi a súa inspiración?
Algún pode pensar en Eduardo Galeano polos relatos curtos, pero non ten que ver, aínda que sempre colles cousas dos escritores que che gustan.
____
Editorial: ÓSCAR LOSADA 07-2024
Idioma: Galego