O Plan de Risco incluía recomendacións para o propio edificio da escola, que debía ter unhas determinadas condicións estéticas, hixiénicas, educativas e pedagóxicas, pero sobre todo para a organización da vida escolar, buscando "o desenvolvemento do carácter galego", cultivando "as virtudes propias da nosa raza" e corrixindo "os nosos vicios". Risco suxería, por exemplo, que "hai que facer que as primeiras impresións que o neno reciba sexan enxebres, que a escola sexa un prolongamento do seu ambiente natural galego, que estean os nenos o máis tempo posíbel en contacto coa Terra". Ademais, apostaba por incluír nos plans de estudos amplas nocións de xeografía de Galicia, historia de Galicia e vidas de galegos ilustres, lingua e literatura galegas e de Arte galega.
Por suposto, a proposta incidía na cuestión lingüística, sinalando que "o ideal sería que o ensino se dera en lingua galega" ou, cando menos, que "o galego non sexa sistematicamente estrañado e botado fóra das escolas", lembrando que "a apelación á nosa fala é indispensábel, polo demais, polo menos nas escolas rurais, se é que o escolante se ha facer comprender verdadeiramente dos rapaces".