OBRAS CASTELAO T.VI
ISBN 9788482883991
A máis ampla escolma de cartas de Castelao.
Este tomo ofrece 274 cartas —186 delas inéditas— do epistolario de Castelao. É así a escolma máis ampla de cartas do autor publicada. Ó longo das máis de 700 páxinas do volume pódense ler epístolas datadas entre 1902 e 1949 nas que o de Rianxo escribe a Risco, Otero Pedrayo, Josep Tarradellas… A edición, a cargo de Xosé Manuel Núñez Seijas, inclúe unha introducción e numerosas notas a pé de páxina.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Bos Aires 1950) é unha das personalidades máis ricas e fecundas do movemento galeguista. Licenciado en Medicina, abandonou moi cedo a práctica desa profesión para dedicarse ás que eran as súas verdadeiras vocacións: a arte e a reivindicación integral de Galicia. A súa actividade desenvolveuse na creación literaria, no xornalismo gráfico, na pintura, no teatro e na política. Membro destacado da Xeración Nós e home comprometido, no marco do Partido Galeguista, coa defensa da autonomía para Galicia e coa causa republicana, a súa figura alcanzou co paso do tempo unha dimensión mítica. Entre as súas obras máis importantes están Cousas, Cousas da vida, Os vellos non deben de namorarse, Os dous de sempre, Sempre en Galiza e Retrincos. En 2011 a Xunta de Galicia declarou a súa obra Ben de Interese Cultural.
____
Editorial: Galaxia
Idioma: Gallego