Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

O CALDEIRO DE OURO

€15,00
ISBN 9791399015010

Publicada orixinalmente en 1814 e subtitulada «Un conto de fadas moderno», O caldeiro de ouro é probablemente a novela curta máis celebrada do gran mestre alemán da fantasía romántica, E. T. A. Hoffmann, quen aquí se serve da ironía e dun humor un tanto críptico para, en doce episodios intencionadamente denominados «vixilias», condensar o seu rico universo máxico.

O protagonista da historia é o estudante Anselmus, quen vive nunha cotiandade bastante absurda na que rara vez o acompaña a sorte e na que de súpeto irrompe o marabilloso. Así, certo día, ao sentir a voz cristalina de Serpentina, unha criatura sobrenatural, vese atraído por un insólito mundo que o interpela e o convida a viaxar dende Dresden até o descoñecido. Nese delirante periplo, a lóxica irá perdendo fol en favor de, por exemplo, sabugueiros que falan, dragóns custodios, diabólicos nigromantes radicados en Laponia, píntegas que exercen de arquiveiros reais ou botellas de cristal que simbolizan o fracaso dos soñadores frustrados, encerrados nelas.

Fantasiosa e ambigua parábola, O caldeiro de ouro non ofrece certezas, senón só portas abertas á interpretación, ao contrapor fábula e realidade, conformismo burgués e liberdade creativa. Unha lectura indispensable para entusiastas da excéntrica e singular literatura de Hoffmann.

Ernst Theodor Amadeus Hoffmann naceu en Königsberg en 1776. De familia burguesa con raíces en varias localidades da Europa central, medrou nun ambiente culto, marcado pola separación dos seus proxenitores e pola educación rigorosa que recibiu na casa do avó materno.

Fillo dun avogado, estudou dereito na universidade local e foi funcionario en lugares como Poznan, Varsovia ou Leipzig, así como en Dresden —o marco espacial de O caldeiro de ouro— e Berlín, onde falecería. Amais da literatura, cultivou a pintura e a música, disciplina na que compuxo varias pezas. Entusiasta admirador de Mozart, incorporou Amadeus ao seu propio nome como homenaxe, en substitución do Wilhelm orixinal.

A finais de 1808 chegou coa súa esposa a Baviera para asumir tarefas de dirección teatral, e en 1809 publicou o seu primeiro relato breve, Ritter Gluck. En anos sucesivos deu a coñecer as antoloxías de narrativa fantástica Fantasiestücke in Callots Manier (1814–1815) e Nachtstücke (1816–1817), na que se inclúe o célebre relato «O home de area». As claves do seu estilo residen na mestura de terror gótico, sátira social e metafísica. Tamén ocupa un lugar destacado na súa produción a novela Die Elixiere des Teufels (1815).

Instalado en Berlín dende 1814, onde era conselleiro do tribunal de apelacións, Hoffmann padeceu graves problemas de saúde que o conducirían á morte —posiblemente relacionada coa sífilis— en 1822. Autores como Poe, Kafka, Dickens ou Gógol recoñeceron a pegada do xenio prusiano nos seus propios textos e confirmárono como o que é: o pai da literatura fantástica moderna.

____

Editorial: Hugin e Munin 07-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 124
GRANDES CLÁSICOS
NOVELA