Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

O CABRONARIO

€24,00
ISBN 9788412800661

45 poemas inéditos de Celso Emilio Ferreiro.

Poemario inédito de Celso Emilio Ferreiro, escrito en Venezuela, e prohibido en España na ditadura por ir contra o franquismo. Neste proxecto participa o fillo de Celso Emilio, Xabier Ferreiro, que tiña no seu poder o orixinal da obra e que fai unha ampla explicación do contido e o contexto no que nace este libro.

Ademais, tamén é o autor do amplo limiar, no que se fai unha extensa explicación do contexto no que nace este libro, así como de cada un dos poemas que o conforman. O artista Xavier Magalhães é o autor da obra da cuberta.

Nunha ocasión, Celso Emilio Ferreiro recitounos a un grupo de amigos, en Santiago, un poema feroz, cheo de gracia maledicente, sobre un inimigo, alguén que perxudicara ou perseguirá ó poeta polas súas ideas políticas. O poema formaba parte dun libro inédito que se titulaba «Cabronario». Nun momento do recital, cando os versos chegaban ó cumio do inxenio e transparentaban unha habilidade inimitable para o humor acedo e o furor satírico, o autor, sorprendido el mesmo pola xenreira que lie saía pola boca, fixo un alto e dixo que non sabía de onde lle viña a el toda aquela mala uva. Alguén dos que escoltaban aclaroulle: `Do corazón, Celso, do corazón'». Escribía estes parágrafos Carlos Casares nun artigo publicado por La Voz de Galicia o 11 de xullo de 1982, tres anos despois do pasamento do poeta de Celanova.

Agora, aquel poemario, que entón quedaba circunscrito ao ámbito das amizades, poderá ser lido polo público en xeral. Mañá venres será presentada a publicación en Luscofusco Edicións, o novo selo editorial de Mundo Detrás do Marco, que se suma á Editorial Elvira e Fosfatina Edicións. Nese acto público, que terá lugar no Marco de Vigo a partir das 20.00 horas, participará Xabier Ferreiro, fillo de Celso Emilio, e o poeta vigués Antonio García Teijeiro. Explican dende a editorial que O Cabronario é unha obra inédita de Celso Emilio Ferreiro, que foi escrita en Venezuela e que non puido ser publicada en España pola súa crítica directa ao franquismo, á igrexa e aos Borbones. Desta forma, o fillo de Celso Emilio, Xabier Ferreiro, que tiña no seu poder o orixinal da obra, foi o gran impulsor desta publicación e participou de forma activa en todo o proceso. Ademais, tamén é o autor do amplo limiar, no que se fai unha extensa explicación do contexto no que nace este libro, así como de cada un dos poemas que o conforman. O artista Xavier Magalhães é o autor da obra da cuberta.

O Cabronario non é a única obra inédita que se ten rescatado recentemente de Celso Emilio Ferreiro. En novembro do 2022, o Colexio de Procuradores de Vigo presentaba dez poemas descoñecidos de Celso Emilio Ferreiro escritos orixinalmente en castelán no ano 1971. A xénese de aqueles tamén sitúase a comezos dos anos setenta, cando o poeta de Celanova vivía exiliado en Caracas. Baixo o título Antipoemas, Ferreiro presentou unhas composicións ao Premio Internacional de Poesía Álamo de Salamanca no ano 1971. Gañou o concurso, pero os editores promotores da convocatoria censuraron dez daquelas obras. O autor publicounos en Venezuela nunha separata titulada Poemas prohibidos, pero sen distribución comercial.

Escritor e político galeguista


Celso Emilio Ferreiro Míguez, nado en Celanova o 4 de xaneiro de 1912 e finado en Vigo o 30 de agosto de 1979, foi un escritor e político galeguista. Como poeta, dispón dun gran dominio técnico do verso, riqueza de imaxes, equilibrio na construción do poema procurando un efecto final, capacidade de sátira e compromiso político co seu pobo, polo que a súa poesía será considerada como «poesía social», aínda que el prefería que lla denominase «poesía belixerante».
A súa obra «Longa noite de pedra» é un dos libros chave para entender a literatura galega contemporánea e unha referencia obrigada de toda unha xeración de autores e lectores.
Expresouse fundamentalmente en galego, pero tamén ten obra en castelán, edicións bilingües e foi traducido a varios idiomas. É considerado o máximo expoñente da Xeración do 36 e unha das figuras máis salientables da literatura galega do século XX. En 1989, dedicáronlle o Día das Letras Galegas

____

Editorial: Elvira 02-204
Idioma: Galego