Publicada orixinalmente en 1928, esta espléndida novela de formación aborda a decadencia aristocrática en vésperas da Gran Guerra. Partindo de aí, o abano temático axiña se ramifica noutras cuestións igual de interesantes, coma a perda das certezas herdadas e a indagación na identidade propia.
O protagonista, Boëtius von Orlamünde, alumno interno na exclusiva escola de Onderkuhle, ao leste de Bélxica, recibe instrución intelectual e deportiva –equitación, esgrima, natación…–, así como unha esmerada formación en cuestións relativas ao protocolo e a etiqueta, co obxectivo último de perpetuar a orde establecida. Non obstante, o verán de 1913 tornará nun tempo de dolorosas revelacións, cun sistema de valores próximo a desaparecer e cun suxeito que ansía unha vida distinta da que os pais deseñaran para el.
Cun estilo por veces críptico e sempre incisivo, Ernst Weiß analiza polo miúdo a relación dun fillo co seu pai e, aínda que non coa mesma intensidade, tamén coa súa nai e con certas amizades. Faino a través de suxestivas reflexións e cunha inusitada forza expresiva, feito que lle reportou o recoñecemento dos seus colegas e, dende un punto de vista práctico, a concesión do prestixioso premio Adalbert Stifter.
En consecuencia, a novela constitúe un logrado exemplo de bildungsroman da literatura alemá que se conta entre os máis senlleiros de todo o século XX.
Ernst Weiß
Ernst Weiß naceu en Brno, hoxe parte de República Checa, en 1882. Era a súa unha familia de ricos comerciantes xudeus, de aí que, por dispoñer de recursos económicos, puidese marchar a Praga e logo a Viena, onde se licenciaría en medicina.
Co estoupido da Primeira Guerra Mundial alistouse nas filas do exército austrohúngaro, onde serviu como médico militar. Ao rematar a contenda, optou por asentarse en Berlín. A partir de 1920 consagrouse por enteiro á escritura.
Amais desta novela, outras obras súas de interese son Franziska (1916) e, sobre todo, Jarmila (1937) e Der Augenzeuge (1938), ambas as dúas de publicación póstuma. Weiß forma parte da xeración de escritores centroeuropeos que se moveron entre os códigos propios do século XIX e a innovadora e reflexiva escrita de posguerra, entre eles, Max Brod, Robert Müsil, Stefan Zweig, Thomas Mann –quen lle prestaría axuda económica durante os últimos anos de vida– ou Franz Kafka, ao que coñeceu en 1913 e co que mantivo unha peculiar relación de amizade e repudio que lle permitiu entrar en contacto co mundo literario xermanófono. Malia a relativa brevidade da súa carreira literaria, acadou un estilo maduro e moderno, cunha prosa complexa na liña da mellor literatura do momento.
En 1933, tras o incendio do Reichstag, por medo fundado aos nazis, mudouse a Praga e máis tarde a París. Suicidaríase en xullo de 1940 na capital francesa, tras saber que as tropas alemás entraran na cidade. O veleno que inxeriu no seu cuarto de hotel non bastou para matalo ipso facto, senón que morrería vinte e catro horas máis tarde nunha cama de hospital.
____
Editorial: Hugin e Munin 10-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 248
NARRATIVA
SÁTIRA SOCIAL
CENTROEUROPA