Ao decatarse de que entre eles se atopa o campión mundial de xadrez, un grupo de pasaxeiros dun transatlántico decide retar o célebre xogador. A derrota parece inevitable, até que un misterioso personaxe intervén. Quen é este individuo que afirma levar vinte anos sen ver un taboleiro de xadrez pero é capaz de enfrontarse ao extraordinario Czentovic?
A orixe dos coñecementos xadrecísticos do protagonista constitúe a cerna desta breve e intensa novela de Stefan Zweig (1881-1942), o derradeiro escrito que o autor austríaco deu ao prelo días antes de suicidarse.
Considerada por moitos a súa obra mestra, a Novela de xadrez é a única das súas novelas na que Zweig fala abertamente do nazismo que o levou ao exilio.
Nado en Viena en 1881, no seo dunha familia xudía de clase acomodada, Stefan Zweig doutorouse en Filosofía pola universidade de Viena, onde se introduciu nos círculos intelectuais da cidade, trabando amizade, entre outros, con Sigmund Freud. En 1904 publicou o seu primeiro poemario, ao que seguiría unha prolífica obra como novelista, dramaturgo, tradutor e biógrafo, que o levou a ser un dos autores máis lidos e respectados en todo o mundo durante as décadas de 1920 e 1930.
En 1934, tralo ascenso de Hitler ao poder en Alemaña, Zweig exiliouse en Inglaterra, de onde pasaría aos Estados Unidos e, finalmente, a Petrópolis, en Brasil, onde se suicidou xunto coa súa esposa o 22 de febreiro de 1942, desesperado pola situación de Europa e convencido de que o nazismo era imparable e acabaría por instaurarse en todo o mundo.
____
Editorial: Irmás CartoneIdioma: Gallego