A novela curta 'Monsieur Maurice', está ambientada na Prusia de comezos do s. XIX e céntrase na particular relación entre unha cativa, Gretchen, e o tal monsieur Maurice, un enigmático prisioneiro. Ten intriga e algún que outro elemento sobrenatural. A pesar de que a obra figura en diversas antoloxías como ghost-story inglesa, cremos que debe lerse máis como unha historia psicolóxica de devoción e namoro infantil. Dotada dunha atractiva carga histórica, cóntase entre o mellor da produción literaria de Amelia B. Edwards.
A presente obra, publicada orixinalmente en 1873, está ambientada na Prusia posnapoleónica. A acción principal desenvólvese nun palacio rexio en Brühl, a onde por orde ministerial trasladan un prisioneiro para que fique baixo a custodia do coronel Bernhard, o novo intendente. A raíz dese feito, Gretchen, a filla única do mandatario, establece case de inmediato unha intensa relación afectiva co reo. A trama, que mantén o suspense até o final, xira por tanto ao redor da reclusión dun home de exquisitos modos e rico pasado cuxa identidade supón un enigma.
No plano formal, a inclusión de suxestivos elementos de difícil explicación achegan a peza ao xénero gótico, cunha nena –súa é a voz narradora, se ben xa de anciá– erixida na táboa de salvación dun cabaleiro tan aflixido coma misterioso. Neste sentido, o contraste entre o pasado brillante de monsieur Maurice e o seu encarceramento palaciano non fai senón acentuar ese aspecto.
A pesar de que a obra figura en diversas antoloxías como ghost-story inglesa, parece conveniente lela máis como unha historia psicolóxica de devoción e namoro infantil, e non tanto como unha novela curta de terror ou pantasmas. Narrada cun estilo depurado e dotada dunha moi atractiva carga histórica, cóntase entre o mellor da produción literaria da prolífica Amelia B. Edwards.Amelia B. EdwardsAmelia B. Edwards
____
Editorial: Hugin e Munin 09-2024
Idioma: Galego