Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

MONCHO VALCARCE. UN SÍMBOLO PARA GALIZA

€18,00
ISBN WP811
Hai uns anos a familia de quen fora coñecido como "O cura das Encrobas" entregou á "Irmandade Moncho Valcarce" varios cadernos dun Diario que Moncho escribira na súa mocidade.

Hai uns anos a familia de quen fora coñecido como "O cura das Encrobas" entregou á "Irmandade Moncho Valcarce" varios cadernos dun Diario que Moncho escribira na súa mocidade. Por eles sabemos como un día o señorito de boa familia, que levaba unha vida "divertida", despois de pensalo ben, decide facerse cura e, con 26 anos, ingresa no Seminario. Os diarios, completados con outro escrito en Roma, abarcan do 1961 ao 68, ano no que foi expulsado do propio Seminario por ser "demasiado idealista", segundo os seus propios superiores. Grazas a eles descubrimos a Moncho na etapa xuvenil da súa vida. En datas recentes, soubemos dun caderno manuscrito, un Diario de Exercicios Espirituais. Trátase dun Retiro ou Exercicios Espirituais que Moncho fixera en Pontedeume no ano 1983. O momento corresponde á etapa da súa madurez, tras anos de compromiso político como concelleiro en Culleredo. A lectura deste Diario é impresionante; tratase dun diario que, sen dúbida, está entre as menores páxinas escritas por Moncho. Atopamos nelas as claves espirituais que o levaron a querer ser cura, pero madurecidas no seu compromiso político, "que configura unha espiritualidade comprometida coa causa popular". Co manuscrito de Pontedeume na man, a Irmandade Moncho Valcarce acordou elaborar un libro completo sobre a súa figura, coordinado por Victorino Pérez Prieto, escritor e teólogo que xa tiña escrito sobre Moncho en varias ocasións. A súa proposta foi a de facer un libro de carácter científico e rigoroso, que non dera pe a ningunha sospeita de manipulación por parte de ninguén, estructurado en varios apartados: De entrada, unha ampla biografía sobre Moncho Valcarce. Como base referencial, Victorino Pérez parte da Pequena biografía desde a amizade, escrita polo que fora o seu mestre e amigo D. Manuel Espiña. Pérez Prieto, apoiado en testemuños e na documentación que foi atopando, aporta novos datos, amplía os coñecidos e rectifica erros e inexactitudes de apuntes bibliográficos anteriores. Esta biografía complétase cunhas claves interpretativas que fan unha lectura en profundidade das dimensións fundamentais da persoa e a praxe de Moncho. Primeiramente, a colaboración conxunta de Ramón Muñiz e Xácome Santos, que escudan as "Claves políticas". E logo, o propio autor do libro analisa as "Claves relixiosas, teolóxicas e místicas", eixo da súa vida. Este capítulo continúa con algúns testemuños que cobren e alumean algunha etapa do itinerario vital de Moncho Valcarce, como a época da comuna de Sésamo, o testemuño de Herminia Estoa, en referencia a súa estadía en As Pontes, ou a opinión de 63 veciños de Sésamo sobre o seu cura, ademais dalgúns poemas e artigos de prensa publicados sobre Moncho. A segunda parte do libro, a máis extensa, está formada por valiosos escritos inéditos de Moncho. Cómpre salientar, particularmente, o Diario de Poio, escrito no ano 1974 durante o seu arresto substitutorio nese mosteiro mercedario a causa das súas "contas pendentes" coa xustiza, xunto co Diario dun retiro en Poio, no 1980, e as cartas escritas por Moncho, ou de outros para el, ademais doutros documentos. Cómpre engadir os Diarios de mocidade e o Diario de Exercicios Espirituais que xa citamos. Inclúese igualmente o traballo realizado por Moncho como memoria do curso de reciclaxe na UPSA de Salamanca, no ano 1988: 0 compromiso político dun presbítero nunha realidade concreta: Galicia, no que expresa o seu compromiso social e galego. Finalmente, engádese outro traballo teolóxico de Moncho: O compromiso polos pobres. Reflexións sobre a Teoloxía da Liberación. Pecha o libro a Bibliografía, coa referencia completa a todo o escrito por Moncho Valcarce e acerca de Moncho Valcarce. [Presentación editorial]

____