Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

LA CASA DE LA TROYA

€16,00
ISBN WP3486
La Casa de la Troya reflexa aspectos da sociedade santiaguesa e os seus costumes ó longo da segunda metade do século XIX. A pequena cidade serve de marco ó tema do amor, prestándolle un clima xuvenil e despreocupado. A realidade que representa a obra é a vida estudiantil, inserido no cotián.  

O autor creou unha imaxe tópica da estudiantina, que se transmitiu ó longo de medio século. Detállanse na obra as actividades sociais relevantes (o teatro, os bailes, as serenatas, os paseos), e aspectos da vida rural. Trátase dunha novela de acontecemento: o amor xuvenil, as súas aventuras e desventuras. Toda a estructura narrativa estará en función desta idea. Os personaxes, tanto primarios coma secundarios, converxerán ó longo da obra no conflicto dos protagonistas, ata chegar ó remate, en que todos eles xúntanse no casamento da parella. A primeira edición, de 1915, con portada de Castelao, foi editada pola imprenta La Editor (Madrid), e contou con 1.600 exemplares; dende o primeiro momento o éxito veuse claro, e a editorial Viuda de Gregorio Pueyo (Madrid) fíxose cargo da súa edición. No primeiro ano de vida fixéronse da novela tres edicións mais. En 1925 as edicións eran xa trinta, e cando en 1946 a Editorial Fax publicou en edición de luxo as Obras Completas de Alejandro Pérez Lugín, xa existían 70 edicións, algunhas das cales acadaron os 25.000 exemplares. Nese intre publicábase pola Librería Galí (Santiago de Compostela), que o viña facendo desde a edición número 64. En 1970 a novela vendíase a razón de 10.000 exemplares anuais en España. Ó mesmo tempo, tamén era publicada fora de España, de xeito que o número desas edicións impresas pódese calcular, sen esaxeración, en mais de 100. A novela foi levada ó teatro nunha adaptación de Linares Rivas que se estreou no Teatro da Comedia de Madrid o 26 de febreiro de 1919, e mantívose á vez en varios carteis perante moitas tempadas. Mais tarde levouse ó cine, onde se fixeron varias versións, das cales, a primeira, de 1921, e recentemente recuperada, foi dirixida polo propio Pérez Lugín, e por Manuel Noriega; pero a mais coñecida e a quinta versión, de 1959, da cal, os actores principais foron Arturo Fernández e Ana Esmeralda, dirixidos por Rafael Gil. Tamén foi convertida en Zarzuela por Silva Aranburu y Luna, estreada no Teatro Calderón de Madrid xa finado Lugín. A novela foi utilizada como obra auxiliar na ensinanza do español en escolas e universidades hispanofalantes, chegando a tódolos recunchos de Hispanoamérica. Chegou a ser premiada pola Real Academia Española. Os personaxes Alejandro Pérez Lugín creou os personaxes da novela baseándose en figuras reais da súa época, dándolles nomes ficticios. Todos eles foron persoas que chegou a coñecer ben durante os seus anos de estudiante en Santiago de Compostela. O protagonista chámase Gerardo Roquer, na pel do que se meterá o propio escritor. É un mozo natural de Madrid, que vén a Santiago obrigado polo seu pai para rematar os seus estudios de leis. A tristeza de Gerardo no seu exilio dura pouco, pois crúzase no seu camiño a Señorita Carmiña Castro Retén, muller de notable beleza e simpatía, pertencente a unha das máis coñecidas familias aristocráticas de Galicia. Para este personaxe o autor baseouse na súa antiga moza Carmen Carballeira, que se fixo monxa e viviu moitos anos no Convento da Enseñanza. A propietaria da pensión era Dona Generosa Carollo, viúva dun Capitán de Carabineiros. Era unha muller agarimosa, duns sesenta anos, espello de paciencia e flor das patroas estudiantís. Para o personaxe de Don Servando, Lugín baseouse no rector da Universidade, Jacobo Gil Villanueva. Habitan tamén na pensión Adolfo Pulleiro, "Panduriño", José Nieto Méndez "Nietiño" (personaxe inspirado no que sería decano do Colexio Notarial de Burgos); Casimiro Barcala (mestura de Camilo Bargiela, Cónsul de España en Casablanca, e Enrique Labarta Pose, poeta); Manuel Casás Barreiro (que foi alcalde de A Coruña e presidente da Real Academia Galega), e Jesús Samoeiro, "Ostrogodo" (inspirado en Pardo Pallí). A través de todos eles coñeceremos as diversas formas de ver a vida dun estudiante de Compostela a finais do século XIX

____