Este libro ofrece unha introdución sinxela ao eido da tradución para estudantes de calquera especialidade e en xeral para calquera persoa que queira coñecer mellor esta disciplina; proporciona ademais as ferramentas precisas para coñecer e analizar todos os aspectos da nosa profesión, que pode ser unha saída laboral para graduadas e graduados doutros estudos. A autora abrangue, dende una perspectiva ética, moi diferentes cuestións. Trátase do texto ideal para quen comece a estudar tradución.
Este libro foi tomando forma grazas ás interaccións con estudantes de formacións
lingüísticas e culturais variadas e procedentes de moitas disciplinas académicas,
que expresaron o seu interese en coñecer máis a fondo a tradución, en particular as
persoas que participaron na materia TRA1301: Introdución á tradución da Universidade de Ottawa entre os anos 2018 e 2022. Agradézolle a todo o alumnado que compartise as súas diversas perspectivas sobre a tradución e as súas experiencias nas
prácticas; agradézolle tamén a súa implicación na docencia e os comentarios sobre
o material do curso, todo o cal contribuíu a que planificar e impartir esta materia fose
especialmente gratificante.
Por que este libro?
Para quen é este libro?
Que vas atopar neste libro?
00 Introdución 11
01 Conceptos e termos básicos da tradución 21
02 Unha breve historia da tradución 39
03 A profesión da tradución na actualidade 53
04 Palabras, termos e recursos léxicos 73
05 Outras ferramentas e recursos 93
06 A tradución automática 109
07 A localización 127
08 A adaptación e a transcreación 145
09 A tradución resumo e a comunicación intermodal 159
10 A tradución audiovisual 173
11 A interpretación 191
Conclusión 209
Glosario 217
Referencias bibliográficas 223
No Capítulo 1 atoparás os conceptos e termos fundamentais do eido da tradución e
ademais desbotaremos algúns dos prexuízos máis comúns sobre a tradución e as
tradutoras.
O Capítulo 2 vaite levar nunha viaxe pola historia da tradución na que descubrirás as
súas principais figuras, casos de traducións relevantes e acontecementos senlleiros
que cambiaron o curso da nosa sociedade multilingüe.
No Capítulo 3 coñecerás algúns detalles de como é o negocio da tradución na actualidade e os aspectos máis relevantes do traballo das tradutoras profesionais.
O Capítulo 4 somérxese no mundo das palabras e dos termos, analizando as diferenzas entre a lingua cotiá e as xirias máis especializadas que se empregan para
denominar os conceptos dos distintos campos de investigación, das profesións ou
mesmo das afeccións. Coñeceremos tamén os dicionarios e as bases de datos terminolóxicas, dous tipos de recursos léxicos moi útiles para traducir.
O Capítulo 5 vai máis aló dos recursos léxicos e analiza unha serie de recursos e
ferramentas en liña gratuítos que podemos empregar para distintos tipos de tradución: metabuscadores multilingües, xeradores de concordancias bilingües, foros de
discusión, ferramentas de revisión, etc.
O Capítulo 6 examina un tipo de ferramenta que cada vez ten máis relevancia: a
tradución automática, con motores como Google Translate, por exemplo. Trátase de
programas moi doados de usar e dispoñibles gratuitamente en internet, pero iso non
quere dicir que os debamos empregar irreflexivamente. Xa que logo, neste capítulo
afondaremos na tradución automática para poderlle tirar todo o partido.
O Capítulo 7 investiga o concepto de variedade lingüística e presenta un subcampo
da tradución coñecido como localización, que se ocupa de traducir produtos dixitais,
tales como páxinas web, videoxogos, programas informáticos e aplicacións para diferentes linguas e culturas.
O Capítulo 8 ofréceche a posibilidade de explorar o teu lado creativo introducíndote no mundo da adaptación e da transcreación, onde se combinan a tradución e a
creación de contidos para producir textos publicitarios destinados a públicos con
características lingüísticas e culturais específicas.
O Capítulo 9 ocúpase da tradución resumo e da comunicación intermodal que se requiren para certos tipos de tradución. Por exemplo, para elaborar os subtítulos dunha
película ou dunha serie requírese condensar a información e transvasala dun medio
oral a un modo escrito. A tradución á vista é outra forma de tradución intermodal e,
finalmente, a meirande parte dos tipos de interpretación requiren que se resuman os
puntos principais da mensaxe.
O Capítulo 10 continúa a desenvolver os conceptos de tradución-resumo e comunicación intermodal para afondar na tradución audiovisual. Se algunha vez viches unha
serie estranxeira en Netflix ou algunha outra plataforma semellante, xa sabes o que
é a tradución audiovisual, que abrangue entre outras modalidades a subtitulación, a
dobraxe e as voces superpostas.
O Capítulo 11 presenta unha análise detallada da interpretación, que consiste no
transvase de mensaxes entre linguas orais ou linguas signadas. Pódese dicir que
as persoas que se dedican á interpretación son de certo profesionais multitarefa,
capaces de escoitar un discurso ao mesmo tempo que transvasan a súa mensaxe a
outra lingua. Este capítulo introduce ademais o concepto da interpretación non profesional, coñecida tamén como mediación lingüística, que é o que sucede, por exemplo, cando alguén fai as veces de intérprete para a súa familia ou outras persoas en
contornas como un hospital, un centro educativo, etc.
O capítulo de Conclusións recolle as ideas máis relevantes tratadas nesta Introdución á tradución e ofrece ademais suxestión para indagar en aspectos que non se
trataron ou que se trataron superficialmente pero que sería interesante estudar se
queremos coñecer máis a fondo o fascinante mundo da tradución.
O libro inclúe tamén un Glosario de referencia rápida no que se recollen os termos
máis importantes e as súas definicións
Tradución de Alberto Álvarez Lugrís
_____
Editorial: Universidade de Vigo 06-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 226
FILOLOXÍA
ENSAIO LINGÜÌSTICO