Que ocorre cando pórmonos no lugar do outro deixa de ser virtude?
En Empatías Fernando Dacosta interroga un dos conceptos máis complexos da experiencia humana. Doce pezas narrativas e poéticas articúlanse como un mosaico inquietante. A empatía non aparece aquí como territorio seguro, senón como unha zona ambigua onde a comprensión pode ser transformadora, perigosa ou imposible.
Un mozo de dereitas, obsesionado coa perfección do seu peiteado, esperta transformado no que máis despreza. Na Duna de Pilat, un camioneiro xenófobo experimenta de primeira man o calvario daqueles aos que rexeita. Un profesor socialmente incómodo proxecta as humillacións que sofre cada fin de semana sobre os seus alumnos. Cada historia explora unha faceta diferente: desde a ausencia de empatía máis brutal ata as súas consecuencias máis inesperadas, desde o medo a comprender ata a imposibilidade de facelo.
A estrutura do libro intercala estas historias con aforismos numerados que funcionan como pausas reflexivas, enmarcando o conxunto dentro dun ciclo vital completo que vai desde o nacemento ata a morte. Dacosta combina un realismo cru con elementos surrealistas para abordar as fracturas do noso tempo: a polarización política, a inmigración, a violencia de xénero, a homofobia. O resultado é unha obra que nos coloca ante o espello máis incómodo, un que reflicte non o que somos, senón no que poderiamos converternos se nos pomos realmente no lugar doutra persoa.
Fernando Dacosta é actor, director teatral, dramaturgo e docente. É membro de Sarabela Teatro, director da Aula de Teatro do Campus de Ourense e da MITEU e foi director da MOTI.
Licenciouse en Filoloxía pola USC e é Doutor en Linguas modernas e Literaturas comparadas pola UEX. A súa tese investiga 25 anos de teatro universitario galego. Na actualidade é profesor asociado no Campus de Ourense.
Escribe as dramaturxias das súas montaxes e ten diversas publicacións de textos e estudos teatrais. Foi premio FETEN á mellor escrita por Tics (obra colectiva) e premio María Casares á mellor adaptación (con Gonçalo Guerreiro) por A lingua das bolboretas.
Recibe diversos premios honoríficos como o Premio da Cultura de Galicia (con Sarabela) e María Casares (coa Aula de Teatro Universitaria do Campus de Ourense), e polas súas interpretacións recibiu premios María Casares, Compostela ou FETEN.
____
Editorial: Laiovento 09 2025
Idioma: Galego
Páxinas: 116
NARRATIVA