“… e velaí a proposta sen perder a frecuencia, nin o sinal, no desexo de “conecta co íntimo”. E así a complicidade do sentepensar. Nada de perdas innecesarias, que unha , das dúas oportunidades que se dean, non será moito pedir, que sexa a de querer ler e así quedarse dando voltas e máis voltas, nas vivencias, nas experiencias. No posible destes versos, na lectura de conquistas, oxalá eles toquen a alegrías e así vaian a menos as indiferencias, e se marquen espazos sentidos de emocións. Que ben así, dar o paso de tentar o ando do traxecto polos poemas. Canta ilusión en apañar bo rianxo e levalo ao directo, activado, a poder ser aprendendo e soñando ti e vós os meus e nosos soños ( os rotos tamén) e tratar así de irmos a algún lado, pois a poesía quere que vaiamos a ela todos os días e logo que viaxemos onde nos pete e poidamos. Volvámonos formigas de formigas. Non camiñemos levados polos silencios. Afloremos os desexos ocultos. Fagamos vida da vida ( e para ela).Recuperemos nos versos , se for o caso, e pola lectura, máis fíos para nos encantamentos obrar de mellor gusto. Velaí este “conecta co íntimo”, poesía que volve, palabra a camiñar, un anaco de relación diso (e niso) que chamamos vida.”
David Otero Fernández (Santiago de Compostela, 1946) é un poeta galego cun profundo compromiso coa lingua e a cultura de Galicia. A súa produción literaria, que abrangue poesía, narrativa e ensaio, destaca especialmente no eido poético.
Autor de obras como “Para iso está o futuro (Fervenza, 2003)”, a súa escrita reflicte unha fonda conexión coa identidade galega e cos valores da tradición literaria do país. En 2008, publicou en Laiovento a obra “A Alexandre Bóveda. Na demanda de restauración”, un testemuño máis do seu compromiso.
Ademais da súa faceta como poeta, Otero Fernández participa activamente en entidades culturais e educativas, promovendo o uso do galego e colaborando en diversos medios de comunicación. A súa traxectoria confirma o seu papel como unha voz poética esencial dentro da literatura galega contemporánea.
_____
Editorial: Laiovento 05-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 82
POESÍA