Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

A GALICIA DESEÑADA. SÍMBOLOS, MARCAS E IDENTIDADES GRÁFICAS

€25,00
ISBN 9788412426052

'A Galicia deseñada': unha viaxe polos símbolos, marcas e a identidade visual do país ao longo da historia

A Galicia deseñada é un percorrido único pola historia e cultura do deseño galego, narrado a través dunha selección de 100 símbolos, marcas e identidades gráficas que axudan a entender como evolucionou o noso patrimonio visual. Esta obra nace coa vontade de contribuír á creación dunha historiografía do deseño galego e de ofrecer un catálogo de referencia para a divulgación, consulta e inspiración para as deseñadoras e deseñadores do presente e do futuro.

Organizada en cinco períodos históricos —dos antecedentes á contemporaneidade—, a publicación non só traza unha secuencia narrativa coherente, senón que tamén busca establecer pontes entre épocas, interpretando a historia como un relato colectivo.

O volume, de 700 páxinas, divídese en tres partes: unha primeira, con textos que exploran a nosa memoria gráfica no contexto dos grandes movementos globais; unha segunda, que presenta cen marcas acompañadas de explicacións contextuais; e unha terceira, de 250 páxinas, que reúne fotografías de aplicacións gráficas en soportes tan diversos como carteis, libros ou obxectos.

A Galicia deseñada é, en último termo, unha invitación a tomar conciencia do noso patrimonio gráfico e a celebrar o deseño como unha ferramenta esencial ao servizo da sociedade.

Prólogo 
As primeiras marcas galegas
Pepe Barro
A Galicia deseñada
Marcos Dopico, Cibrán Rico, Suso Vázquez
    • A trazabilidade dos símbolos de Galicia
    • As primeiras industrias
    • Os laboratorios bioquímicos
    • Os símbolos do Laboratorio de Formas de Galicia como pioneiros dos programas gráficos
    • Marcas con letras. A tipografía en Galicia máis alá da letra galega
    • Cultura pop, deseño e gráfica popular nos anos setenta en Galicia
    • As identidades territoriais: da heráldica ás marcas-cidade
    • A comunicación política, sindical e do activismo social
    • A sistematización da identidade corporativa: da práctica intuitiva á estratexia
    • Modernidade e posmodernidade
    • A proxección internacional da imaxe de Galicia a partir dos mitos-de-lugar
    • Os grandes centros culturais e a normalización da cultura
    • A incorporación da muller ao sector do deseño
    • Do símbolo ao sistema. A identidade corporativa como sistema gráfico no século XXI
Escolma de símbolos, marcas e identidades gráficas
    • Antecedentes (ata 1900)
    • Industrialización e vangardas (1900-1936)
    • Autarquía e modernidade (1939-1978)
    • Democracia e posmodernidade (1979-2005)
    • Contemporaneidade (2006-2023)

Gráfica aplicada

English version

 


Marcos Dopico

Marcos Dopico (Narón, 1974) é licenciado en Belas Artes coa especialidade de Deseño, doutor en Deseño pola Univesidade de Vigo, e profesor titular de universidade. Dende 2019 é decano da Facultade de Deseño do Campus de Pontevedra. Imparte docencia nas materias de Fundamentos de tipografía, Deseño de tipografía e identidade corporativa no Grao en Deseño. Ademáis é docente nas materias de deseño gráfico no Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda e no Mestrado en Dirección de Arte en Publicidade da Universidade de Vigo.

Como profesional do deseño traballa no campo do deseño gráfico, especializándose no deseño de tipografía a través da súa fundición MaisTypes. A súa labor investigadora inclúe as áreas de influencia da modernidade na tipografía contemporánea, a tipografía na identidade corporativa e a relación entre tradición e identidade no deseño en Galicia.


Ten participado nas exposicións colectivas: «A creación do necesario: Aproximacións ao deseño do século XX en Galicia» (2004), «Arte, artesanía, deseño e sostibilidade en Galicia no século XXI» (2016); «Formas do deseño. Galicia XXI» (2019), na mostra colectiva itinerante «From Spain With Design: Identidad y territorio» (2021-2023) e na mostra da Porto Design Biennale 2023 «Galicia. Procesos y formas. Una historia del Diseño» (2023). Comisariou a exposición «A Galicia deseñada: Signos, símbolos e identidades gráficas» (2022-2023).

 En 2023 obtén un premio Laus de Bronce outorgado polo ADG-FAD na categoría Lettering-Tipografía experimental, participando na mostra «El millor disseny de l’any» no Museo do Deseño de Barcelona.

 
Ten publicado os libros: «Propuestas para un diseño normal» Ellago Ediciones: Castellón (España), 2009, e «Arqueología tipográfica: La evolución de los caracteres de palo seco», Campgrafic Editors: (Valencia, 2011).



Cibrán Rico e Suso Vázquez

Fundado no ano 2008, desescribir está formado por Cibrán Rico López (A Coruña, 1978) e Suso Vázquez Gómez (Vigo, 1978), ambos licenciados en Arquitectura pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.  desescribir é un estudio de deseño que desenvolve proxectos de identidade visual, deseño editorial e deseño estratéxico cun enfoque integral. 

Os traballos desenvolvidos no estudio acadaron múltiples recoñecementos en certames de deseño de prestixio de ámbito nacional e internacional: Premio Galicia de Innovación e deseño 2021 outorgado pola Xunta de Galicia, 17 Premios LAUS do ADG-FAD (Barcelona), 4 D&AD Awards (Londres), 4 Type Directors Club de Tokyo ou o Premio PHotoEspaña 2014 ao mellor libro de fotografía editado en España.


Cibrán Rico e Suso Vázquez teñen participado como docentes en diferentes graos e mestrados da Universidade de Vigo sendo, na actualidade, profesores invitados na Facultade de deseño do Campus de Pontevedra. Impartiron numerosos cursos e talleres de deseño gráfico e editorial en distintas universidades e escolas de deseño e teñen sido convidados como conferenciantes en numerosos eventos como o Festival Blanc! en Vilanova i la Geltrú ou o Tipos Certamen en Santander.


En 2012 fundaron Fabulatorio, unha editorial independente centrada en proxectos sobre arte, deseño e cultura visual. O segundo título publicado por Fabulatorio foi incluído na lista dos mellores libros de fotografía do mundo do ano 2014 que publica o ICP (International Center of Photography) de Nova York.


O traballo de desescribir ten aparecido referenciado en numerosos libros, revistas e catálogos de editoriais de prestixio internacional como Unit Editions (Londres), Victionary (Hong Kong) ou Page Magazine (Berlín) e ten formado parte de diferentes  mostras en museos e salas de exposicións como o CGAC (Santiago de Compostela), o Museo de Arte Reina Sofía (Madrid) ou a Giza Graphic Gallery (Xapón).


Foron comisarios, xunto a Marcos Dopico, da exposición «A Galicia deseñada: Signos, símbolos e identidades gráficas» celebrada na Sala Normal da UniversidadEe da Coruña.

Editorial: Fabulatorio 12- 2024
Idioma: Galego/Inglés
Páxinas: 700