Cando en 1959 aparece Zazie dans le métro Francia descobre a Queneau e aos franceses éntralles a zazimanía. “O pai de Zazí” fala nos xornais e as revistas, nas emisoras de radio e na televisión, a xente incorpora os retrousos da cativa e do papagaio á conversa cotiá, decontado a obra adáptase para o teatro, Louis Malle lévaa ao cinema, Roland Barthes escribe sobre ela un ensaio...
A obra cataliza distintos elementos presentes dende sempre na obra do autor: a supresión de fronteiras entre os xéneros literarios, o predominio da lingua falada e da transgresión da norma, a apariencia da realidade e a realidade da fantasía, a mestura, a mutación e a volatilidade, a filosofía cotiá, o xogo como expresión superior da arte e fonte de vida...
Obra transgresora, irreverente e burlona non só cos personaxes senón co autor e cos propios lectores e lectoras cos que Queneau gusta de xogar, Zazí, segue sendo un elixir de eterna mocidade.
_____
Editorial: Laiovento 2009
Idioma: Galego