
____
Editorial: Rinoceronte 10-2024
Idioma: Galego
Páxinas: 138
POESÍA
A edición definitiva das Xeórxicas componse de catro libros, todos eles de extensión semellante, arredor dos cincocentos versos. O libro primeiro ábrese cunha dedicatoria a Mecenas na que o poeta introduce xa os temas dos que vai tratar ao longo da obra: traballo da terra, cultivo da vide, gandería e coidado das abellas. O libro segundo comeza cun himno a Baco, deus do viño, pois nesta parte da obra tratarase do cultivo e do coidado das viñas, aínda que tamén das árbores silvestres e froiteiras, e mais das oliveiras. O libro terceiro ábrese cunha nova invocación aos deuses, desta volta a Pales e a Aristeo. Virxilio advirte de que non tratará temas heroicos, de sobra coñecidos polos romanos, senón que abrirá un novo camiño coa súa poesía; vai traer as Musas de Aonia, isto é, da terra de Hesíodo. Virxilio comeza o libro cuarto advertindo de que vai falar sobre o mel, e pedíndolle a Mecenas que atenda tamén a esta parte.
O sentir que subxace á obra é a dignificación do traballo do labrego. Como o propio Virxilio afirma, o campesiño sostén a patria dende o campo, que é unha fonte de alimento para todos. Na Roma contemporánea, azoutada polas guerras civís, é necesario deixar de fundir apeiros para forxar armas; o labrego ten que volver ao seu traballo, que certamente é duro pero necesario.
O traballo sen descanso vese recompensado, en certa medida, pola vida tranquila que leva o labrego, afastado das preocupacións que traen a riqueza e o éxito social, retirado en paraxes naturais que o invitan a vivir feliz, satisfeito xa só polo simple feito de ser quen de procurar o seu propio alimento. O labrego, ademais, conserva os preceptos dos antepasados, respecta o culto aos deuses e coida da súa familia.
As Xeórxicas están escritas en hexámetros dactílicos, mais na nosa tradución optamos pola prosa ante a imposibilidade de crear un texto en galego que mantivese a métrica orixinal e permitise unha lectura fluída.
Publio Virxilio Marón naceu no ano 70 a.n.e. en Andes, unha aldea ao norte de Italia preto de Mantua, no seo dunha familia humilde pero que posuía algunhas terras. Cando Virxilio tiña uns doce anos, trasladáronse a Cremona; alí fixo os primeiros estudos o poeta até que tomou a toga viril no 55 a.n.e. Posteriormente, viaxou a Milán para estudar retórica e outras disciplinas relacionadas co mundo da natureza e o seu coñecemento. Máis adiante continuou a súa formación en Roma, centro neurálxico da vida pública e lugar ideal para desenvolver as habilidades e as artes da elocuencia. Porén, Virxilio pronto se decatou de que o foro non era o seu. Da man de Asinio Polión, home de cultura que se movía polos círculos literarios da época, entrou en contacto cos poetae novi. Así Virxilio comeza a compoñer poemas. O propio autor, nalgunhas destas composicións, despídese da retórica e amosa a súa intención de profundar na filosofía.
Certamente, Virxilio sae rumbo a Nápoles en torno ao ano 50 ou 49 a.n.e. para instruírse con Siro, filósofo epicúreo. A Roma daquel momento pasaba por un momento certamente complicado. As terras paternas en Mantua foron obxecto das confiscacións levadas a cabo a partir do 42 a.n.e., tras a batalla de Filipos, para poder satisfacer as esixencias dos veteranos do exército. Esta perda de patrimonio déixase entrever nas Bucólicas, obra datada entre o 42 e o 39 a.n.e. que consagrou a Virxilio como poeta e que lle abriu as portas dunha nova vida, da man da protección de Mecenas e do propio Augusto. A partir de entón, non terá que preocuparse por cuestións económicas e poderá levar ao máximo desenvolvemento o seu labor literario, lonxe da ruidosa Roma, nas terras de Nápoles. É precisamente neste contorno xeográfico onde o poeta dará forma a outras dúas obras de vital importancia para a historia da literatura: as Xeórxicas e a Eneida.
Virxilio
No ano 19 a.n.e., coa Eneida rematada e lista para recibir as últimas correccións, Virxilio decide viaxar a Grecia para poder ver en directo os lugares que describe na propia obra e así perfeccionar o seu poema. No mes de agosto chegou a Atenas, mais pronto emprendería o camiño de volta aproveitando que Augusto regresaba de Oriente; Virxilio estaba xa moi enfermo, e o 21 de setembro morreu en Bríndisi, cidade italiana da costa do Adriático. Os seus restos mortais foron levados a Nápoles, onde descansan até o día de hoxe.
____
Editorial: Rinoceronte 10-2024
Idioma: Galego
Páxinas: 138
POESÍA