Finalizados os seus estudos no estranxeiro, as irmás Saywell, Yvette e Lucille, regresan ao fogar paterno, onde as agarda unha vida monótona e gris dominada pola presenza hostil da avoa e o rexeitamento familiar á figura de súa nai, que abandonou a seu pai anos antes.
A única distracción das mozas son os paseos en coche coas súas amistades. O encontro cunha familia xitana durante unha desas excursións suporá un punto de inflexión para Yvette, en quen acordará un desexo até entón descoñecido para ela.
Publicada postumamente en 1930, A virxe e o xitano foi recibida inmediatamente como unha das obras mestras de Lawrence, capaz de ofrecernos nas súas breves páxinas o brillante relato dun espertar espiritual, intelectual e sexual.
Nado en 1885 na cidade mineira de Eastwood, Inglaterra, nunha familia obreira, David Herbert Lawrence pronto destacou como escritor. Novelista, dramaturgo, ensaísta, poeta, converteuse nun dos autores máis relevantes e polémicos do seu momento. En 1919, abandona definitivamente o Reino Unido e inicia o que chama a súa «peregrinación salvaxe», residindo temporalmente en diversos lugares do mundo. Falece en 1930, na localidade francesa de Vence, a consecuencia dunha tuberculose. A súa obra amosa un fondo interese polas relacións humanas en calquera das súas formas, así como polos espazos íntimos dos seus personaxes, os seus desexos, paixóns e o exercicio da liberdade individual fronte ás restriccións sociais. Perseguido pola censura e por certos sectores da crítica en vida e postumamente, un tardío recoñecemento á súa calidade literaria procuroulle unha posición indiscutible entre os grandes nomes da literatura universal.____
Editorial: Irmás CartoneIdioma: Gallego