Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

VIGO, ABELLA DA RIBEIRA

€19,95
ISBN 9788411102407

«Vigo, abella da ribeira» reúne oitenta crónicas da memoria de Vigo como cidade amada. Esta escolma é unha reflexión sobre como se foi conformando a súa identidade de cidade portuaria atlántica e bimilenaria, onde todo chega e marcha polo mar. Cidade cifra da Galicia contemporánea, na que caben todas as Galicias posibles. Co formato dun libro de esbozos biográficos, estas prosas viguesas relatan as vidas de persoas de moi diversa procedencia, dende mariñeiros e obreiros a deportistas, médicas, escritoras e taberneiras, que co seu criterio e entusiasmo, mesmo coa achega da súa propia vida, contribuíron na construción do proxecto colectivo dunha cidade estrépito e feroz, de guindastres asombrados, abismo e paraíso. «As crónicas aquí reunidas son un galano de orgullo e de autoestima. Un antídoto efectivo contra o esquecemento e o espectáculo. Un norai de palabras onde amarra o corazón da cidadanía viguesa. Un porto seguro. A baía dentro da baía.» Fran P. Lorenzo. «A través de cada texto de¿«Vigo, abella da ribeira» lemos a cidade, porque neles está escrito o noso tempo e, polo tanto, este libro constitúe tamén unha nova achega á identidade de Vigo, transformándoa, escribíndoa.» Oriana Méndez.

Manuel Bragado (Vigo 1959) é editor, mestre e activista cultural. Licenciado en Pedagoxía, traballou en Edicións Xerais de Galicia, empresa da que foi director (1994-2018). Na actualidade é orientador nos CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela. É presidente da Fundación Luzes, secretario da asociación Premios da Crítica de Galicia, membro de Nova Escola Galega e do Instituto de Estudios Vigueses. Colaborador de «Faro de Vigo» dende hai catro décadas, dende 1999 mantén semanalmente a sección de opinión «Campo de Granada», pola que recibiu os premios de xornalismo Gómez Román (2000) e Fernández del Riego (2014). Desde 2005 publica o blog «Brétemas», polo que recibiu os premios AELG, Fervenzas Literarias e Gala do Libro Galego á traxectoria dun proxecto literario na rede (2019). Director de centos de proxectos de libros educativos e autor de diversos estudos sobre a edición e a lectura, publicou en Xerais os libros «Vigo, puro milagre» (2019) e «Vigo, abella da ribeira» (2023), onde escolma algunhas das súas prosas viguesas. Foto do autor © Manuel Álvarez

_____

Editorial: XERAIS 12- 2022

Idioma: Galego