Ir a contenido
Gastos de envío para Galicia y España 4.45 €!
Gastos de envío 4.45€!

UN DEMÓCRATA FRONTE Á BARBARIE FASCISTA

€17,95
ISBN 9788484877677

Vida e martirio de Enrique Peinador Porrúa, republicano galeguista (1902-1940)

Enrique Peinador Porrúa morreu fusilado o 27 de abril de 1940 en Madrid cando acababa de cumprir 38 anos. Avogado, galeguista, militante de Izquierda Republicana e masón, o seu compromiso coas liberdades democráticas e coa Galiza que en 1936 comezaba a entrever un futuro de seu, fican fóra de toda dúbida. O golpe de Estado de xullo rachou coas primeiras e tronzou as aspiracións da segunda. A guerra, con toda a súa crueza, esmagou vidas e proxectos e o réxime lexítimo da Segunda República só tiña unha resposta: resistir.

Peinador foi un home lonxe de apaixonamentos revolucionarios, non era un marxista. Cría nas leis, na tolerancia e no respecto. Tamén na igualdade e na solidariedade. Por iso, custa entender que un tribunal militar ditase a última pena contra el e outras 43 persoas nun célebre e irregular consello de guerra celebrado no Madrid da posguerra. A xustiza de Franco aplicada dende unha óptica vingativa, sen garantías xurídicas e cunha mensaxe carente de humanidade.

A presenza como xuíz de Peinador no Comité Provincial de Investigación Pública así como o seu paso en calidade de fiscal acusador contra elementos da Quinta Columna madrileña, pesaron máis que os informes favorábeis de moitos dereitistas salvados dunha morte segura por Enrique. Inocente en todos os sentidos, o seu fusilamento respondeu a súa condición de vencido e, en especial, ao carácter de exemplaridade do tribunal fascista que, de maneira alucinante, xulgou acusando de rebelión militar a aqueles que permaneceran fieis ao réxime constitucional e lexítimo.

Francisco Xavier Redondo Abal (Pontevedra, 1964) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, institución na que traballa como bibliotecario.

Coa recuperación da memoria histórica democrática como eixe das súas investigacións, publicou artigos en A trabe de ouro, Terra e tempo, Murguía, Grial, Luzes, Galegos, Madrygal, Anuario brigantino, Inzar razóns, Claridade... e deu ao prelo libros como Percorrendo a catástrofe (2005), Botarse ao monte (2006), Alfonso Ortega Prada: memorias de un socialista perseguido por el fascismo (con Pilar Ortega González, 2007), Memoria(s) de Marcelino Fernández Prada, un alcalde socialista e revolucionario (2007) e A memoria dos libros (2008).

En Laiovento publicou os seguintes ensaios: O fulgor e as tebras (2009), Proceso a una biblioteca (2010), O mar e a memoria (2012) e Bibliotecarias e bibliotecarios ‘infames’ (2014). Xunto a Margarita García Candeira foi responsábel do catálogo Biblioteca de José Ángel Valente (USC, 2016).
_____

Editorial: Laionento  04-2026
Idioma: CGalego
Páxinas: 168
ENSAIO
HISTORIA
FRANQUISMO
REPRESIÓN
POLÍTICA