Con Os tardeiros, novela que Brookner consideraba a mellor da súa produción, asistimos a máis de medio século de amizade entre Hartmann e Fibich, dous seres con vidas paralelas pero con formas ben diferentes de xestionar o seu duro pasado. Orfos tras a desaparición das súas familias polo cataclismo da Segunda Guerra Mundial, foxen da Alemaña nazi cando nenos –Hartmann de Múnic, Fibich de Berlín– para se instalaren en Inglaterra, onde emprenden un camiño compartido: a escola, a apertura dun negocio e, tempo despois, os seus respectivos matrimonios con Yvette e Christine, e a nacenza dos fillos, Marianne e Toto.
Mediante un xogo de contrastes, esmiúzanse as vidas dos protagonistas e as daquelas persoas coas que van batendo (arredor dunha vintena con nomes, apelidos e conmovedoras historias). Os tardeiros son homes e mulleres que, malia arrincaren tarde, aspiran a construír un futuro de esperanza, aténdose a que «é posible alicerzar os edificios máis estables sobre soares en ruínas». O resultado é un fresco elaborado pola mirada dunha poderosa e culta voz narrativa que sorprende en cada páxina coas súas atinadas e irónicas observacións.
A memoria, as frustracións, o conformismo, a depresión, a identidade, a beleza, o que se mostra en público e o que fica no ámbito da intimidade, o amor sentido de múltiples e insospeitadas formas… son algúns dos temas que Brookner toca nesta obra, unha das mellores da literatura europea.
____
Editorial: Hugin e Munin 01-2023
Idioma: Galego