Ir a contenido
Gastos de envío para Galicia y España 4.45 €!
Gastos de envío 4.45€!

O QUE ESTOU A DICIR CANDO DIGO ALTRI NON

€14,95
ISBN 9788484877219

Dende que se soubo que a multinacional portuguesa Altri e a galega Greenalia escollera o concello de Palas de Rei para construír a fábrica de celulosa soluble máis grande de Europa, miles de persoas rebeláronse contra un proxecto que ameaza non só a comarca do Ulloa, senón o conxunto da nosa terra. Especialistas de diversas disciplinas científicas están a advertir sobre os efectos catastróficos que esta actividade industrial tería en ámbitos como a economía, a saúde ou o medio ambiente. Mais, até agora, ninguén se parou a analizar o magma que ferve na enxurrada de indignación que está a percorrer Galiza enteira. Isto quizais se deba a que ese pulo é tan persoal e de cadaquén que nunca se poderá elevar á categoría de verdade universal nin servirá para soster argumentos obxectivos.

Agora, co presente ensaio, Xosé de Cea, escritor con raíces palenses e melidao de padrón, aborda a problemática dende unha perspectiva radicalmente emocional e subxectiva. Para facelo, tira de memoria, andainas, lecturas, sentimentos e intuiciíon coa arela de tecer unha trama de reflexións arredor do que supón este novo despropósito empresariall para un habitante da Terra do Medio, ademias de tentear as actitudes que cómpre esgrimir para enfrontalo.

Ramón Nicolas en Caderno da Crítica

Resulta probablemente unha obriga moral, diante do intento de converter un territorio único como é o da Ulloa nunha fábrica de celulosa, referirme a este oportuno ensaio de Xosé de Cea, a quen sigo con atención, e desde hai tempo, nas súas diversas achegas literarias.

Este O que estou a dicir cando digo “Altri non” é un libro necesario, documentado, creado desde as instancias do coñecemento e do espírito crítico e que contribúe, de maneira destacada, ao desvelamento das motivacións que están detrás da pretendida implantación da empresa multinacional portuguesa Altri e a galega Greenalia no corazón da nosa terra e que tería, por moito que o neguen, efectos claramente catrastróficos desde o punto de vista ambiental, social e mesmo cultural. Pero, alén disto, está xa no propio título do ensaio o desexo de que este texto -que sae da feliz conxunción entre o corazón abeirado ás causas xustas e a interpretación crítica dos argumentos cos que se queren defender a instalación da empresa- é unha proposta que, particularmente, resultou moi do meu gusto porque alude, cando é preciso, á memoria persoal mais tamén á memoria literaria e cultural do noso pasado, convertendo -por exemplo- o volume colectivo Terra de Melide (1933), e a voz de Otero Pedrayo e outras, no obxecto vizoso de diálogo coa nosa tradición e co coñecemento de nós mesmos desde nós mesmos, mais tamén cun corpus filosófico e xornalístico de indubidable valía.

Porque non se pode lexitimar, desde ningún punto de vista, unha explotación dos nosos recursos naturais para acabaren transformados en beneficios para o peto das multinacionais, é este un libro que, particularmente, agradezo na súa xusta medida, que é moita, porque se sitúa nunha causa que abrazamos, como non podía ser doutra maneira. Por dignidade.

Xosé de Cea (Barcelona, 1970) exerce a escrita en diversos ámbitos como poesía, narrativa e xornalismo. Traballou para La Voz de Galicia e o Sindicato Labrego Galego, editando máis de cen números do voceiro da organización agraria, Fouce. Ademais, colaborou con xornais e revistas como A Nosa Terra, Nós Diario, Tempos Novos, Luzes, Cerna, Praza Pública, Página Abierta e Soberanía Alimentaria.

A súa obra publicada reflicte esta diversidade. En poesía, Presencia da fenda (2001), Solsticio de río (2010), Vilareda (2018), Versos para alén da ponte (2020) e Dende a miña barricada de sofás e canapés (2024). En narrativa infantil e xuvenil: O lume dos soños (2004), Revolución Detrito (2019) e En terra rara (2021). Para o público adulto, asinou en 2023 a novela autobiográfica Coímbra; e, como xornalista, plasmou a súa experiencia xunto aos Sem Terra do Brasil na crónica Baixo a lona preta. Xornal de viaxe dun brigadista na Baia do MST (2013).

Editorial: Laiovento 04-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 96
ALTRI
ENSAIO
MEDIO AMBIENTE
NATUREZA