A epopea atlántica da diáspora galega.
Non hai Galicia sen América porque todo aconteceu antes aló.
Na Habana soou por vez primeira o himno «Os Pinos» e fronte ao mar Caribe oficializouse e popularizouse a bandeira branca e azul.
En Buenos Aires compúxose «A Rianxeira» e escribiuse a mellor novela da literatura galega. A listaxe é infinda, coma todas as historias deste libro sobre a emigración, o exilio, a fuxida, o desarraigamento, as promesas, os enganos, a escravitude familiar, a supervivencia, a vergoña e o orgullo. Italianos, irlandeses e xudeus souberon contar as súas epopeas en libros e filmes, pero os galegos, outro dos grandes pobos migrantes do século XX, non contaban, até agora, cun gran relato sobre a súa diáspora.
Guiado pola desmesura de vinte anos de viaxes e mudanzas, entrevistas e lecturas, armado das ferramentas do reporteirismo minucioso e adobiado polo talento literario, Arturo Lezcano asina unha obra monumental que se le como unha fábula, un libro de viaxes, unha elexía e unha crónica en primeira persoa. Ou coma un Mil e unha noites das Américas contada a través dunha galería de personaxes galegos engaiolantes: Alfonso Graña, o rei dos xíbaros; Pepe la Muerte, lugartenente de Lucky Luciano; o Manolito de carne e óso de Mafalda; Antonio Soto, o heroe anarquista da Patagonia, e outras duascentas historias de mulleres e homes anónimos ?os obreiros que construíron a Canle de Panamá, os inventores da noite de Copacabana e tantos máis? que crearon unha nova vida (e un país invisible) da outra beira do océano.
____
Editorial: LIBROS K.O 10-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 608
MIGRACIÓN
INMIGRACIÓN