Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

NOVELINO

por Anónimo
€14,00
ISBN 9788493610166
Na época medieval, os textos literarios debían cumprir a dualidade horaciana de ensinar e divertir conxuntamente. O Novelino, como obra literaria medieval, obedece estas premisas, pois buscaba entreter e divertir sen esquecer a faceta didáctica. Non era un didactismo moralista ou relixioso, senón laico e pragmático, que respondía as expectativas da sociedade toscana comunal.

A burguesía, nova clase emerxente, precisaba dunha literatura vulgar, axeitada á súa visión do mundo laica e vitalista, e que, á vez que motivo de diversión e entretemento, ofrecese pautas de comportamento e modelos de conduta. Estamos ante unha das primeiras obras en prosa elaboradas nun vulgar italiano, florentino en concreto, escrita a finais do s. XIII, presumiblemente entre 1281 e 1300. Do seu autor ou autores nada sabemos que non sexa o deducido a través da propia obra, é dicir, unha posible filiación burguesa e unha presumible orixe florentina. Co Novelino inaugúrase na literatura italiana un novo xénero narrativo, o conto profano, unha narración breve modelada segundo o ideal retórico da brevitas, que parte dun modelo xa preexistente, o exemplum, pero desvinculado da súa compoñente moralizante e cun obxectivo lúdico, aínda que tamén destaca a compoñente didáctica de orientación utilitarista. O conxunto dos contos ten en común a brevidade e o estilo lineal. Entre os protagonistas atopamos heroes do mito ou da historia antiga (Hércules, Rei Arturo, Sócrates), cabaleiros das sagas medievais (Lanzarote, Meliadús, Tristán, Merlín), reis bíblicos (David, Salomón, e ata Deus) e históricos (Alexandre Magno, Traxano, Federico II), xunto a individuos medios, historicamente ben caracterizados e en absoluto idealizados, como o mestre Taddeo de Boloña, ou o florentino Migliore delli Abati. Por último, unha morea das persoas máis representativas dos estamentos populares e activos da vida cotiá florentina: xograres, xente da vila, mercadores, frades e confesores, aprendices, etc., enchen as derradeiras páxinas do Novelino.

____

Editorial: Rinoceronte